miércoles, noviembre 26, 2025
InicioNewsArquivan a causa na que investigou ao dono dun restaurante por un...

Arquivan a causa na que investigou ao dono dun restaurante por un delito de odio contra cidadáns israelís

O maxistrado do Xulgado de Instrución número 4 de Vigo decreta o sobresemento provisional da causa na que investigou se a expulsión dun grupo de israelís dun restaurante do centro de Vigo o pasado mes de xullo constituíra unha incitación á hostilidade e ao odio antisemita, agravado pola súa difusión mediática, constitutiva do delito tipificado no artigo 510.1 e 3 do Código Penal.

No auto, o xuíz explica que, tras examinar o vídeo parcial dos feitos, que foi publicado nunha rede social, escoitar a declaración do propietario do negocio e as manifestacións da única testemuña presencial, “o único certo é que, por razóns que se descoñecen, e en apenas un par de minutos, houbo un incidente verbal entre os clientes e o dono do restaurante, polo que nunca é descartable unha motivación secundaria allea a unha intencionalidade de odio a un colectivo”.

Así, lembra que a xurisprudencia esixe que “se a acción se dirixe contra unha persoa determinada o sexa por razón da súa pertenza a un determinado colectivo e que a actuación sexa pública”.

Neste caso, segundo salienta o maxistrado, “os feitos que se denuncian producíronse no contexto dun conflito pola prestación do servizo de hostalería”, á vez que engade que “non se achegaron indicios bastantes de que as expresións gravadas tivesen por obxecto promover a hostilidade cara ao pobo xudeu, incitando ao odio ou á realización de actos de violencia contra os seus membros”.

Desta forma, conclúe que “non consta suficientemente constatado o ánimo consiste na animadversión cara ao colectivo unificado, neste caso, pola súa relixión ou orixe, sobre todo, se atendemos ao concepto de antisemitismo acollido na recomendación número 9 (revisada) de política xeral da Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia (ECRI) sobre a prevención e a loita contra o antisemitismo”.

Nese documento, segundo destaca o xuíz no auto, “proponse como definición de antisemitismo certa percepción dos xudeus que pode expresarse como o odio aos xudeus”. Non obstante, recalca que a ECRI “insiste no perigo de utilizar aquela de forma indebida co propósito de silenciar ou estigmatizar como antisemita a crítica lexítima contra Israel e as súas políticas, en particular respecto do pobo palestino e no contexto da ocupación dos territorios palestinos, pois iso poñería en perigo os esforzos por loitar contra o antisemitismo e, polo tanto, debería rexeitarse”.

“É por iso que, tendo en conta o contexto en que se producen os feitos, a conduta que se atribúe ao investigado ten difícil encaixe no discurso de odio penalmente punible”, conclúe o maxistrado.

A causa foi aberta por mor do atestado co vídeo remitido pola Policía Nacional ao xulgado, sen a existencia de querela nin denuncia, pois trátase dun delito perseguible de oficio. No auto, o xuíz sinala que non foi posible citar aos prexudicados “por falta de colaboración das autoridades de Israel”. A resolución non é firme, pois cabe presentar recurso.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS