O Concello de Ponteareas vén de difundir aos medios de comunicación a resolución da Fiscalía sobre a actuación da administración local con respecto á empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar, Óbolo. Nun comunicado, informa que «a Fiscalía da Área de Vigo notifica a resolución á denuncia presentada pola CIG o pasado 24 de outubro na que solicitaba a investigación por via penal na intervención do Concello no expediente do SAF, concluíndo as dilixencias sen apreciar indicios de ilícito penal nin posibilidade de recurso».
Indican desde o goberno municipal que se trata dunha «confirmación do rigor e da legalidade coa que se actuou en todo o momento» posto que «a documentación analizada pola Fiscalía recolle expresamente que a documentación remitida pon de manifesto que por parte do Concello desenvolveuse unha actividade de vixilancia do adecuado cumprimento do contrato subscrito, con distintos requirimentos de documentación á empresa adxudicataria e de emenda de posibles incumprimentos dos pregos técnicos, administrativos e normativa reguladora. Ponse de manifesto que polo Concello incoouse expediente sancionador polo atraso na corrección de defectos pola empresa adxudicataria (exp. 5291/2024)».
Neste contexto, o Concello insiste en que «a Fiscalía acorda o arquivo desta dilixencias de investigación penal por non apreciarse que presente caracteres de delito». A administración local que dirixe a popular Nava Castro expón que «tal e como recolle a propia Fiscalía evidencian que o Concello actuou con dilixencia, supervisión e responsabilidade, desmentindo as acusacións falsas vertidas pola CIG e confirmando que non existiu conduta omisiva nin indicio algún de prevaricación».

