As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Ponteareas abandonaron hoxe o salón de plenos do Concello sobre as 11:00 horas deste mércores. Durmiron na casa consistorial este martes, despois de que as súas protestas obrigaran a suspender a sesión ordinaria do mes de novembro na que, entre outras cuestións, estaba prevista aprobar os orzamentos de 2026.
Segundo explican os informativos de Si Radio, «marchamos porque nos ameazaron cunha denuncia polo penal«. Neste contexto, axentes da Policía Local e da Garda Civil axudaron ás traballadoras do SAF a abandonar o salón de plenos. Ademais, indican que a «alcaldesa, Nava Castro, entrou de moi malas formas pola mañá» e que «imos poñer unha denuncia na Garda Civil».
Parte do cadro de persoal do Servizo de Axuda no Fogar da vila do Tea levan en folga indefinida desde hai dous meses. Van xa 60 días nos que dixeron «basta» ás «pésimas condicións laborais que nos ofrece a empresa concesionaria, Óbolo».
Escoita aquí a unha das traballadoras do SAF de Ponteareas, Digna Cardoso:

