A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) vén de emitir un comunicado no que indica que se suma “á condena da Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia (APFG) contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, polos seus ataques contra un fotógrafo de prensa durante un pleno municipal no Concello ourensán, este pasado luns, 24 de novembro”.
O colectivo galego de fotoxornalistas, que reúne a máis dun centenar de profesionais, denuncia que Pérez Jácome “increpou ao fotógrafo polo tempo que se tomaba para realizar o seu traballo”, o que considera “unha falta de respecto”, non só para o fotógrafo vítima dos ataques do alcalde, senón “tamén para todo o oficio”. Ademais, a APFG censura que o rexedor empregara o termo “paparazzi” ao referirse a ese profesional gráfico, posto que o interpreta como “un cualificativo con clara intención de desprezo“.
A Asociación de Periodistas de Galicia, que xa denunciou en varias ocasións ao alcalde ourensán por descualificacións, plantes e ataques contra os profesionais da información na capital das burgas, concorda coa APFG en que Pérez Jácome “debe pedir desculpas públicas”.

