O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou esta mañá o Programa Galego de Intelixencia Artificial 2026-2028, “a folla de ruta para avanzar moito e intentar xeneralizar o uso desta tecnoloxía na administración, nas empresas e no día a día dos galegos”.
Segundo afirmou Rueda, estará dotado de 54 de millóns de euros e, entre os obxectivos principais, está “ampliar os servizos públicos” que a Xunta ofrecerá á cidadanía a través desta ferramenta en eidos como a administración, a sanidade ou a xestión de residuos.
Trátase dunha segunda fase da Estratexia Galega de IA 2030, unha vez conseguidos os obxectivos de despregar un marco operativo, tecnolóxico e normativo para o desenvolvemento ordenado desta tecnoloxía en Galicia.
As liñas de actuación do Programa articúlanse arredor de catro eixes: Galicia Rexión Intelixente, que formula actuacións enfocadas a promover as capacidades estruturais sobre as que cimentar o desenvolvemento da IA na rexión; Talento e competencia en IA ao longo da vida, para capacitar a cidadanía, reducir os riscos e promover talento especializado; Adopción estratéxica da IA, para promover a adopción da IA tanto na Xunta como nas pemes e grandes empresas; e I+i, orientado ás necesidades da economía galega, para a promoción de proxectos de investigación e innovación sobre IA no ecosistema académico e investigador galego.
O Programa marca o camiño para a creación en Galicia dunha infraestrutura dixital e de servizos adaptada para aproveitar as potencialidades da IA. Para que as solucións de IA sexan eficaces é necesario dispoñer dunha plataforma transversal para o almacenamento, a analítica e a xestión dos datos que manexa a Administración. A Plataforma de servizos transversais de analítica avanzada de datos e IA de Galicia inclúe tamén mecanismos para vixiar o funcionamento dos sistemas, así como espazos controlados para facer probas, e modelos propios de linguaxe.
A Xunta disporá, así mesmo, de servizos de apoio especializado para a xestión dos datos que darán soporte a todas as plataformas sectoriais.
A IA para mellorar a Administración
Entre os usos da IA previstos no Programa, no que se refire á Administración destacan a xestión intelixente da atención á cidadanía, para ofrecer información actualizada e dispoñer de asistentes virtuais que informen sobre todo tipo de trámites e procedementos; ou a xestión e tramitación electrónica intelixente de procedementos administrativos para que resulten máis áxiles e sinxelos.
A IA para mellorar os servizos públicos
En canto aos servizos públicos, entre as liñas de actuación do Programa atópanse a xestión intelixente de residuos e autorizacións ambientais, inspección, supervisión, avaliacións e monitorizacións ambientais; o uso da IA para a anticipación de riscos e emerxencias mediante a análise de datos a tempo real e a mellora na coordinación e resposta dos servizos de emerxencias; a mellora da xestión do transporte público a través dunha plataforma intelixente de transporte que analiza escenarios e as necesidades das persoas usuarias; a implantación de sistemas de predición, detección temperá e resposta coordinada dos incendios forestais, ou a reestruturación parcelaria intelixente para planificar e executar procesos de organización do territorio agrícola.
Outras actuacións previstas refírense á tramitación de axudas, planificación e xestión automatizada do solo residencial, das vivendas protexidas de promoción pública ou do control da calidade das edificacións; a análise intelixente para adecuar e poñer en contacto a oferta e a demanda de emprego; a creación de asistentes intelixentes para solucionar dúbidas ou xestionar citas no sistema de saúde; ou o uso da IA para o apoio na toma de decisións de xestión sanitaria; control de estudios de investigación e ensaios clínicos etc.
Apoio á implantación da IA nas administracións locais e nas empresas
O Programa prevé tamén iniciativas para fomentar a adopción de tecnoloxías de intelixencia artificial no ámbito da Administración local de Galicia. Promoverase a simplificación e axilización dos procesos de contratación de solucións de IA a través da adhesión a acordos marco, como xa se fai noutros ámbitos, como a ciberseguridade. A Xunta tamén facilitará a reutilización dos seus proxectos de IA por parte das administracións locais.
O tituar do Goberno galego afirmou que tamén apoiará e impulsará a adopción da IA polas empresas galegas “no seu funcionamento diario” a través do Programa de axudas IA 360 para aumentar a súa produtividade e competitividade; e a través da liña de apoio Ticket Innova para incentivar o uso de servizos para o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación nas pemes, especialmente as pertencentes a sectores tradicionais non tan intensivos en innovación. A estas axudas destinaranse 4 millóns de euros e sairán convocadas en xaneiro.
Promoción de proxectos de investigación e innovación sobre IA
Finalmente, tal e como sinalou o presidente, o Programa inclúe medidas para apoiar o talento investigador, como axudas pre e post doutorais, así como doutoramentos industriais. Tamén habilitará axudas para a consolidación e crecemento dos grupos de investigación e para consolidar a excelencia dos centros de investigación.
Para garantir a implantación da intelixencia artificial de acordo con esta liñas estratéxicas, a Xunta está a crear órganos de goberno da IA, como a Oficina Galega de IA, o Consello Galego de IA ou as figuras dos comisionados. Tamén porá en marcha instrumentos de garantía de transparencia e uso ético, como o Inventario de sistemas de IA. Ao mesmo tempo, elaborará estudos de medición do impacto da intelixencia artificial nos diferentes ámbitos.

