O comité de empresa de ENCE denuncia a “imposición” por parte da compañía dun escenario de “ruptura total” co diálogo na fabrica de Pontevedra, e o inicio formal dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que o traslada a Madrid cos demais centros de traballo.
Celébrouse onte a primeira reunión marcada pola “mala fe” da dirección, polo que o persoal mantén o seguimento total da folga, e a fábrica atópase “totalmente parada“, segundo indican desde o Comité de Empresa.
Omar Vázquez, de Comisións Obreiras e secretario do comité de empresa, afirmou que “a compañía pretende forzar un despedimento colectivo sen garantías legais”. Subliñou que os sindicatos non podían “responder doutra maneira ante a ameaza directa dun despedimento colectivo” e que o persoal manterá a unidade para defender “cada posto de traballo”.
Proceso “irregular“
O Comité asegura que o proceso estivo marcado en todo momento pola “mala fe da empresa”, por “ameazas, chantaxes ao persoal”, e intentos de desconvocar a folga. Denunciaron “presións constantes ao comité para forzar a aceptación do despedimento colectivo fóra dos leitos legais”.
A dirección de ENCE, tal e como denuncia o Comité de Empresa, nega o acceso a información relevante e tentou impoñer unha comisión irregular de negociación, que ten o “único fundamento de restarlles defensa e representación no proceso legal”. Ademais, a empresa impuxo servizos mínimos abusivos e difundiu “información falsa” entre o persoal, mentres introducía “ameazas sobre unha posible perda de máis postos de traballo ou o peche da fábrica”.
O comité criticou que ENCE incumpriu “reiteradamente os compromisos adquiridos tras obter a seguridade xurídica para continuar en Pontevedra”. Os sindicatos sinalan que os investimentos anunciados non chegaron, que o plan “Pontevedra Avanza” está “paralizado”, e que mesmo se incumpriu pactar en materia de seguridade e saúde laboral. Advertiuse ademais dos “recortes en servizos auxiliares, que xeran condicións insalubres e inseguras a pesar dos requirimentos da Inspección de Traballo”.
Respecto ao chamado “plan de competitividade” da empresa, o comité considérao un “plan de incompetencia total disfrazado de competitividade“. Este plan non responde a “melloras produtivas nin tecnolóxicas, senón a unha redución directa de persoal”. Vázquez criticou que a empresa queira xustificar os despedimentos en custos salariais que representan “unha porcentaxe ridícula non custo de produción”. A posición da dirección de necesitar despedimentos para “obter caixa coa que realizar investimentos” foi cualificada polo Comité de Empresa como un “auténtico despropósito”.
Temor por operación corporativa
O Comité expresou a súa preocupación polas visitas de directivos de Altri ás instalacións de Pontevedra e Navia (Asturias). Este feito incrementa o temor a unha operación corporativa que “vaia acompañada dunha redución previa de persoal”. O conflito tamén afecta as empresas auxiliares e aos transportistas, que tampouco “están a ser escoitados pola compañía”.
CCOO, UGT e CIG instan as administracións públicas, especialmente á autonómica, a que “fagan valer os compromisos asumidos” en materia de emprego, investimento e continuidade industrial. Os sindicatos esixen que se obrigue a ENCE a respectar “o prometido”.
O Comité reitera que non renuncian a ningún posto de traballo e fan un chamamento á sociedade e ás institucións para apoiar un “conflito que consideran determinante para o futuro industrial da comarca”.

