O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello das Neves onde a Xunta realizará unha obra de mellora do acceso á parroquia de Setados.
Así, hoxe saíu a licitación esta obra que conta cun orzamento total (incluíndo expropiacións) de preto de 500.000 euros e á que as empresas poden presentarse ata o día 17 de decembro.
O obxectivo, segundo explicou o delegado territorial, «é mellorar a seguridade desta zona e permitir unha circulación viaria máis confortable para todos os veciños e veciñas». Para iso, mellorarase a trazada e o cruce propiamente dito, ademais de crear un carril central que permita facer o xiro con seguridade. O proxecto tamén inclúe un desvío para comunicar a vía municipal coa PO 400.
Reguera aproveitou a visita para lembrar o compromiso da Xunta coa «mellora e mantemento das vía de titularidade autonómica e destacou a seguridade como unha das prioridades á hora de realizar investimentos tan importantes como o que se vai realizar no concello das Neves».
As obras, que arrancarán probablemente no primeiro semestre do ano 2026, contan cun prazo de execución de seis meses.

