A Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil impulsarán a creación dunha comisión técnica para coordinar actuacións de prevención e protección nas zonas afectadas polos incendios do verán localizadas nos concellos desta bacía, que abrangue gran parte dos ríos da provincia de Ourense e algúns da de Lugo.
Así se acordou esta mañá no marco da reunión por videoconferencia que mantiveron as conselleiras de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e do Medio Rural, María José Gómez, co presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e alcaldes de 16 concellos afectados polos lumes e que forman parte da demarcación Miño-Sil —Avión, O Barco, Beade, Cartelle, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Folgoso do Courel, Larouco, Laza, Pantón, Paradela, Ribadavia, O Saviñao, Sober, Trasmiras e Vilariño de Conso—.
Tras lembrar que a Xunta se puxo desde o principio á disposición do organismo de conca estatal, informando das actuacións realizadas por Augas de Galicia na bacía da súa competencia e ofrecendo axuda e asesoramento, Ángeles Vázquez e María José Gómez subliñaron a importancia desta reunión, lembrando que nas últimas semanas alcaldes sobre todo da provincia de Ourense manifestaron a súa inquedanza ante os problemas detectados nalgunhas captacións de auga polo arrastre de cinsas á bacía Miño-Sil.
Precisamente en resposta a esa preocupación e para garantir unha acción coordinada, o obxectivo da futura comisión técnica será o de planificar accións conxuntas por parte das distintas administracións implicadas (cada unha no marco das súas respectivas competencias) para protexer os ríos desta bacía do impacto dos incendios deste verán.
Con tal fin, acordouse que a comisión conte con representación por parte das direccións xerais de Patrimonio Natural e de Montes, do organismo hidráulico autonómico Augas de Galicia, da CHMS e dos concellos de Ourense e de Lugo que forman parte da demarcación Miño-Sil.
Tras volver a ofrecer a colaboración técnica da Xunta tanto coa confederación hidrográfica como coas administracións locais máis afectadas nestas provincias na protección das canles fluviais, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático puxo en valor o traballo rápido e eficaz realizado desde Augas de Galicia despois da vaga de incendios do verán. En concreto, explicou que desde finais do mes de agosto executou diferentes medidas orientadas a crear barreiras anticontaminación fronte ás cinsas e outro material nas contornas de Galicia-Costa, única conca de competencia autonómica.
Para a execución destas accións —enmarcadas no programa de conservación e mantemento fluvial de Augas de Galicia, cun orzamento de 2,7 millóns de euros este ano e que garante unha capacidade de resposta inmediata ante situacións excepcionais—, recorreuse principalmente á instalación de cordóns vexetais ou barreiras con elementos de madeira, aproveitando o propio material queimado dispoñible en cada zona para evitar posibles arrastres en puntos con pendente e reducir a velocidade da auga.
En total, tal e como trasladou a conselleira, o organismo de conca autonómico executou estes labores preventivos e de protección fluvial en zonas queimadas dos concellos de Ponteceso, Lousame, Toques, A Estrada, Agolada, Meaño, Vilaboa e Barreiros.
Neste sentido e tendo en conta que a meirande parte dos concellos pertencentes á conca Miño-Sil son ourensáns (de feito, 11 dos 16 rexedores participantes na reunión de hoxe eran desta provincia), Ángeles Vázquez salientou «o esforzo que realizará o próximo ano nesta provincia Augas de Galicia, con proxectos e infraestruturas hidráulicas comprometidas por un investimento estimado en 11 millóns de euros, dos cales 8,5 millóns xa están planificados».

