Con motivo do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Salvaterra convoca un concurso de slogans para alumnos do IES de Salvaterra, co obxectivo de mellorar a convivencia en sociedade transmitindo valores como a igualdade, a tolerancia, a non violencia e desmitificando estereotipos, aspectos todos eles que adoitan atoparse na base da violencia machista.
O concurso chega a XV edición ao abeiro da subvención do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade, e busca a través de frases transmitir unha mensaxe e un posicionamento claro de NON aos malos tratos.
Dentro das iniciativas desta campaña de sensibilización social, preténdese reunir material para facer posteriormente unha campaña de difusión e publicidade dalgúns dos recursos que existen para abordar este problema.
O proxecto consistirá en confeccionar uns marcadores de páxinas e outros soportes onde se plasme o lema ou slogan gañador do concurso e algúns números de teléfono e enderezos a onde dirixirse en caso de coñecer ou ser vítima dunha situación de violencia.

