jueves, noviembre 13, 2025
InicioNewsGalicia intensifica a colaboración con Cataluña para potenciar as dúas únicas fábricas...

Galicia intensifica a colaboración con Cataluña para potenciar as dúas únicas fábricas de IA de España

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, desprazouse hoxe a Barcelona para participar nunha xornada de traballo en materia de I+D+i, compartir así experiencias entre ambas comunidades autónomas e establecer sinerxías e colaboración futuras. Con este fin, o representante do Goberno galego visitou o Barcelona Supercomputing Center (BSC). Este centro será, xunto co CESGA (Centro Supercomputación de Galicia), unha das institucións que albergue unha das 19 novas fábricas europeas de intelixencia artificial. Isto converte a España nun dos tres únicos países que contará con dúas factorías de IA.

O obxectivo da viaxe do conselleiro é coñecer de primeira man o modelo catalán, continuar intercambiando estratexias nesta materia entre ambos territorios e avaliar posibles colaboracións tanto a nivel administrativo como capacidades entre sistemas de investigación. Dá continuidade á visita realizada a Galicia o pasado mes de outubro pola conselleira de Investigación e Universidades da Generalitat, Núria Montserrat.

Colaboracións

O representante da Xunta agradeceu a súa homóloga catalá este encontro e puxo en valor o traballo da Generalitat en materia de I+D+i. “É importante coñecer outros modelos, supón un reforzo para mellorar as nosas políticas públicas”, sinalou Román Rodríguez, quen se referiu ao encontro como “unha oportunidade para establecer colaboracións, especialmente na computación cuántica e a intelixencia artificial”.

Na visita, o conselleiro estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; polo director científico do CESGA, Lois Orosa, e polo responsable do equipo de Cuántica do CESGA, Andrés Gómez Tato.

Galicia e Cataluña son as dúas únicas comunidades de España que van contar con fábricas de IA, o que pon de manifesto o importante labor desenvolto no campo das tecnoloxías profundas por ambas comunidades. “É un fito que debemos aproveitar e estreitar as nosas colaboracións”, afirma Román Rodríguez, quen incide en que esa colaboración entre o BSC e o CESGA xa é real a través da Rede Española de Supercomputación, algo que se intensificará agora a través das factorías europeas.

Comunicación Cuántica

O representante do Goberno galego tamén participa este xoves na xornada de presentación dos resultados científico-técnicos do Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas a nivel estatal, no que Galicia se sitúa como referente nacional e internacional. De feito, esta área é un dos ámbitos estratéxicos para a Comunidade, como define o Plan galego de investigación e innovación 2025-27 debido ao seu potencial transformador sobre a nosa economía e no avance da I+G+i.

No que atinxe a Galicia, as tres universidades públicas e o CESGA colaboraron no desenvolvemento de tecnoloxías cuánticas e no reforzo da ciberseguridade en España, con fitos tan importantes como o despregamento da liña de comunicación cuántica terrestre máis longa de España – e unha das máis longas de Europa ao superar os 120km de distancia- entre Vigo e Santiago de Compostela, entre outros logros.

Ademais, o conselleiro galego aproveitou a súa visita a Cataluña para asistir á xornada Cataluña mira ao ceo, unha iniciativa vinculada ao eclipse que terá lugar o vindeiro mes de agosto e que se presenta como unha oportunidade de divulgación científica.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS