jueves, noviembre 6, 2025
InicioNewsA nova tempada de pesca fluvial en Galicia en 2026 comezará o...

A nova tempada de pesca fluvial en Galicia en 2026 comezará o vindeiro 15 de marzo ata o 31 de xullo

A tempada de pesca continental en Galicia para o ano 2026 comezará o vindeiro 15 de marzo e estenderase ata o 31 de xullo, con carácter xeral. Así foi acordado esta mañá durante a reunión ordinaria do Consello Galego de Pesca Continental, que estivo presidida pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e que contou coa participación dunha ampla representación dos distintos axentes implicados neste sector na Comunidade.

Durante a xuntanza, analizáronse as propostas a ter en conta na orde anual que se publicará proximamente e que regulará os períodos hábiles de pesca para a vindeira tempada, abordándose tamén o establecemento das respectivas normas e determinacións para cada especie.

Troita

Así, no caso da troita, o período xeral abrirase o 15 de marzo de 2026 prolongándose a súa pesca ata o 31 de xullo, coas excepcións das masas de auga salmoneiras, de reo e as de montaña, nas que a tempada comezará máis tarde, concretamente o 1 de maio.

Por outra banda, nos coutos de pesca intensiva e nos tramos de pesca sen morte, poderase pescar ata o 30 de setembro, mentres que nos coutos con convenio, con carácter xeral a tempada prolongarase ata a mesma data na modalidade de sen morte.

Salmón

No que respecta ao salmón, tendo en conta a información dos indicadores de abundancia recentes obtidos nos ríos galegos, que teñen acadado valores baixos, proponse para a tempada 2026  a veda da pesca desta especie en tódolos ríos galegos

A directora xeral informou de que desde a Consellería levarase a cabo un seguimento da evolución das principais poboacións galegas desta especie, mediante o emprego de diversas metodoloxías, como o uso de contadores automáticos xa existentes nos ríos Ulla, Eo e Landro co fin de estudar o paso de salmóns adultos. Ademais, está prevista a colocación o vindeiro ano de, polo menos, dous novos contadores nas presas de Bora, no río Lérez, e A Freixa, no río Tea. 

Así mesmo, continuarase co estudo de seguimento da especie (adultos e xuvenís) mediante o funcionamento da Estación de Ximonde, no río Ulla, como se vén facendo desde 1993. No resto de ríos onde aínda quedan poboacións desta especie, programaranse inventarios de peixes mediante pesca eléctrica para a posible detección de xuvenís.

Polo que respecta ao reo, o período xeral se estenderá ao igual que este ano do 1 de maio ao 31 de xullo, prolongándose ata o 30 de setembro nalgúns coutos.

Na reunión do Consello Galego de Pesca Continental tamén se abordaron distintas propostas trasladadas previamente polos catro consellos provinciais.

Por último, informouse dos principais resultados do Plan de manexo das poboacións de corvo mariño grande en Galicia, tras constatar a incidencia que esta especie está a ocasionar sobre as poboacións piscícolas, especialmente no caso dos salmónidos. O obxectivo é minimizar a súa presión depredadora sobre os peixes e garantir que as medidas que se adopten non incidan negativamente na conservación desta ave.

O plan de manexo desenvolveuse en 8 coutos das 4 provincias galegas, realizándose un total de 32 percorridos de censado e tras os resultados acadados, aplicáronse as medidas para os distintos niveis de manexo establecidos no plan e avaliáronse os resultados das mesmas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS