lunes, octubre 13, 2025
InicioNewsA Xunta dotará ás traballadoras do SAF dun protocolo ante situacións de...

A Xunta dotará ás traballadoras do SAF dun protocolo ante situacións de violencia nos domicilios

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello deu o visto e prace a un novo protocolo “para protexer aos traballadores do Servizo de Axuda no Fogar ante calquera tipo de violencia que poidan sufrir no eido laboral sexa física, psicolóxica ou sexual”.

Trátase dun documento elaborado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) —en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade— e por petición unánime da mesa de traballo impulsada pola Fegamp, en que participan tamén a Xunta, as organizacións sindicais e empresariais e o Colexio Oficial de Traballo Social. “Imos colaborar conxuntamente cos concellos para poder implantalo canto antes”, indicou.

Con esta proposta de protocolo —que será posta á disposición da devandita mesa— Galicia dá un paso decisivo nas políticas preventivas do SAF, ofrecendo aos concellos —responsables da súa xestión e contratación— unha ferramenta consensuada que, permitirá avanzar na prevención, detección e resolución de conflitos que poidan xurdir no desenvolvemento do traballo nos domicilios dos usuarios.

O documento, en que tamén se tiveron en conta achegas previas do sector, ten en conta o perfil feminizado da actividade e a realidade específica do traballo nos pequenos concellos do medio rural, onde o acompañamento técnico e organizativo resulta esencial. Entre as medidas recollidas, o protocolo actúa de forma estratéxica sobre tres eixes clave: identificar e xestionar os riscos nos domicilios, optimizar a organización do traballo e reforzar a formación das profesionais, convertendo estes elementos na base dunha protección efectiva. O seu obxectivo é reforzar a seguridade e a saúde laboral das traballadoras, ao tempo que contribúe á mellora dos servizos de atención no fogar, poñendo o acento na calidade, na prevención e no recoñecemento social dun labor imprescindible para o coidado das persoas no seu propio domicilio. Cómpre sinalar que, complementariamente, o Issga reforzará no seu plan de actuación 2026 as accións de sensibilización e información tanto deste protocolo como doutros riscos propios do sector.

Principais medidas de prevención

O documento elaborado polo Issga permitirá que as entidades locais e as empresas prestadoras do servizo poidan cumprir de maneira máis eficaz as súas obrigas en materia de seguridade e saúde laboral. Ofrece recomendacións e directrices que abranguen desde a prevención ata a intervención e o seguimento ante diferentes formas de violencia laboral externa, entendida como calquera comportamento ou ameaza que poida causar dano físico, psicolóxico, sexual ou económico, incluíndo a violencia por razón de xénero e o acoso sexual.

Entre as medidas recollidas, destácase a importancia da contorna de traballo, da organización das tarefas e da formación específica como eixes fundamentais para minimizar riscos e mellorar o desempeño profesional. Así, propón garantir espazos seguros establecendo criterios sobre a presenza de persoas conflitivas durante o servizo, realizar avaliacións de riscos nos domicilios, ofrecer información precisa ás persoas usuarias e familiares e reforzar o apoio técnico nos casos de maior complexidade.

No relativo á seguridade, recoméndase, entre outras cuestións, manter operativo o teléfono móbil durante toda a xornada, prever acompañamento temporal cando as circunstancias o requiran, fortalecer a coordinación cos servizos sanitarios e incrementar o seguimento en domicilios con antecedentes de conflito. No ámbito da formación, o protocolo subliña a importancia de dotar as traballadoras de coñecementos e habilidades específicas en materia de prevención da violencia, comunicación efectiva, resolución de conflitos e control da tensión. Deste modo, o persoal poderá desenvolver o seu labor con maior seguridade, confianza e capacidade de resposta ante situacións adversas.

Procedemento de actuación fronte a situacións de violencia

No ámbito das actuacións fronte a situacións de violencia, o protocolo establece un sistema progresivo que vai desde a prevención ata a resposta ante agresións. Inclúe pautas para anticipar riscos, manter a calma e reconducir conflitos, así como actuacións específicas cando a tensión aumenta ou se produce unha agresión, priorizando sempre a integridade física e emocional das profesionais. O documento subliña tamén a importancia de rexistrar e dar seguimento a todos os incidentes, de forma que poidan ser avaliados pola empresa prestadora do servizo e, se é necesario, coordinados coa Administración local para adoptar medidas correctoras. Este enfoque permitirá mellorar continuamente as medidas preventivas, garantir actuacións proporcionadas en cada fase do conflito e consolidar unha cultura de protección e seguridade efectiva no ámbito do servizo de atención no fogar.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS