O vicepresidente Rafa Domínguez anunciou este luns que a Deputación e o Concello de Pontevedra celebrarán os próximos días 24 e 25 de outubro a conmemoración das ‘100 Mulleres Que Opinan’, as cen xornalistas que participaron entre os anos 2018 e 2025 no foro de xornalismo e opinión con perspectiva de xénero As Mulleres Que Opinan Son Perigosas. A visita de Olga Viza e Marta García Aller será o prato forte dos eventos, que se anunciaron nun dos escenarios principais deste encontro, o Teatro Principal, onde comezarán o venres 24 para continuar o sábado 25 noutro dos seus escenarios principais, o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. Na presentación o vicepresidente estivo acompañado polas xornalistas e creadoras do encontro, Susana Pedreira e Diana López.
Programación
Rafa Domínguez asegurou que a celebración será “unha gran festa á que queremos que ninguén falte para convertela nunha celebración do xornalismo, da opinión e do compromiso coa sociedade”. Os actos comezarán o venres 24 ás 20:00 horas no Teatro Principal coa representación do espectáculo “Señoras y señoras”, a cargo das xornalistas María Guerra e Mariola Cubells, “que está xirando por toda España e que naceu, precisamente, grazas á súa participación nas edicións de 2023 e 2024 deste foro”, sinalou o vicepresidente.
Os actos continuarán o sábado 25 ás 12:00 horas no espazo acristalado do Edificio Castelao do Museo, onde terá lugar un encontro que reunirá catro xornalistas: Olga Viza e Marta Garcia Aller, desde o ámbito estatal, e María Varela e María Hermida desde o local, “que sempre está representado neste encontro”, como lembrou Domínguez. No Museo tamén terá lugar a estrea dunha peza audiovisual documental que terá como protagonista o público asistente ao encontro, para recoller “o impacto persoal que tivo na súa vida e na súa autoestima”, informou o vicepresidente. Será un xeito de “homenaxear un público moi activo, moi atento, moi respectuoso e con ganas de aprender, co que amosamos que este foro non é soamente un escaparate onde as mulleres xornalistas narran as súas vivencias, senón un espazo de encontro onde todas son benvidas”, continuou Rafa Domínguez.
Ademais, o público que acuda ao acto do sábado 25 levará cadanseu exemplar da publicación “100 mulleres que opinan. Un diario de opinións perigosas”, que recolle os testemuños das cen mulleres que participaron entre os anos 2018 e 2025. Un libro cunha tirada de mil cincocentos exemplares, con ilustracións de Bea Gregores e que recolle as opinións destas cen mulleres agrupadas por temáticas: referentes e pioneiras, xornalismo e redes, opinar sendo muller, feminismo e activismo, maternidade e conciliación, ciencia e saúde e a voz das nenas. Tras estes fragmentos de opinión, o libro remata con “outras cen páxinas en formato bullet journal para que sexan as persoas lectoras quen deixen aí as súas propias opinións, “porque non tería sentido chamarlle a algo ‘diario’ sen darlle a oportunidade ás persoas que o posúen de deixar a súa propia pegada nese caderno”, sinalou o vicepresidente da Deputación.