A Xunta, a través da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (Regavivec) da que tamén forman parte as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, confirmou a presenza de mosquito tigre no concello de Tui.
A identificación realizouse por parte dos entomólogos da rede tras unha notificación dun veciño de Tui a través da aplicación de ciencia cidadá Mosquito Alert. Esta nova achega, a través da aplicación, confirma a importancia da promoción desta ferramenta móbil coa que a cidadanía pode achegar fotografías para o seu estudo por parte de especialistas en entomoloxía, quen confirmarán se se trata ou non de mosquito tigre ou doutra especie.
Desde a Regavivec, e en colaboración co Concello, ampliarase a vixilancia deste vector colocando trampas para avaliar a extensión e abundancia do mosquito tigre.
Polo tanto o Concello de Tui, xunto cos de Bueu e Mos, tamén incorporados este ano, sumarase aos de Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, O Porriño e Vilaboa como integrantes do comité técnico do mosquito tigre, que se convocará a finais deste mes.
Desde a Consellería de Sanidade agradécese a participación cidadá seguindo os consellos para evitar a proliferación deste insecto, que é vector de enfermidades como son o dengue, chikungunya ou Zika. Por iso, lémbranse que a maneira máis efectiva de evitar esta proliferación é impedir a posta de ovos e o crecemento das larvas con pautas sinxelas como eliminar puntos de auga estancada en bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións co seu simple baleirado ou coa renovación da auga cada 4-5 días.
Para evitar as picaduras do mosquito tigre aconséllase o uso de repelentes específicos que se poden atopar nas listaxes de produtos autorizados, ademais de recomendar vestir con manga e pantalóns largos e calzado pechado ou colocar mosquiteiros en portas e ventás. As picaduras poden ser molestas e, nalgún caso, poden producir reaccións alérxicas de certa gravidade.