miércoles, octubre 8, 2025
InicioNewsGalicia terá un Observatorio do Xogo encargado do estudo, avaliación e seguimento...

Galicia terá un Observatorio do Xogo encargado do estudo, avaliación e seguimento das políticas neste sector

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou hoxe de que o Consello aprobou na súa reunión semanal o decreto que regula a creación do Observatorio Galego do Xogo. “Trátase dun organismo que estudará, avaliará e fará un seguimento do sector na comunidade para garantir un modelo de xogo seguro e responsable”, indicou.

A creación deste Observatorio está recollida na Lei reguladora dos xogos de Galicia de 2023 coa que, tal e como resaltou Calvo, “Galicia situouse á vangarda de España” á hora de lexislar este sector cunha lei que agora “serve de modelo a outras comunidades que están actualizando” a súa normativa.

O futuro Observatorio ofrecerá datos obxectivos e contrastables sobre o xogo para adaptar as políticas públicas ás necesidades sociais. As principais funcións deste órgano serán, ademais de realizar propostas e recomendacións acerca de normas e políticas públicas, promover campañas de sensibilización e prevención de xogo responsable e seguro, así como en materia de igualdade de xénero neste ámbito. Tamén coñecer, analizar e difundir información acerca da situación do xogo en Galicia.

O Observatorio poderá tamén promover a produción de material documental de interese sobre as materias propias das súas funcións e facer un seguimento da normativa de xogo en materia de publicidade, así como fomentar o coñecemento e o intercambio de información con outras institucións a nivel nacional e internacional relacionadas co sector do xogo.

Para levar a cabo os seus cometidos, o Observatorio contará cun pleno composto por unha presidencia e varias vogalías nas que, respectando o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes, estarán representadas as consellerías con competencias en materia de seguridade e coordinación, sanidade, xuventude, educación, deportes e facenda, así como unha persoa representante de cada unha das tres universidades galegas, unha representación dos sectores do xogo, outra das asociacións de loita contra adiccións nesta materia e tamén unha persoa das asociacións de nais e pais galegas.

Lei garantista

Calvo salientou que o Goberno galego quere garantir que o xogo sexa unha actividade “responsable e con garantías”. De aí que a actual Lei do xogo de Galicia poña por diante a prevención e a protección dos usuarios, con especial atención aos menores e aos colectivos máis vulnerables.

A lei prohibe, entre outras cousas, a concesión de créditos ás persoas usuarias dos xogos, de bonificacións e partidas gratuítas; veta a publicidade dos xogos de competencia autonómica na radio e na televisión de Galicia, cun réxime moi estrito en relación á promoción, propaganda, patrocinio e publicidade destas actividades, así como á publicidade na vía pública e medios de transporte.

A normativa recolle tamén o deber de que todos os establecementos teñan un control de acceso que impida a entrada de menores e das persoas inscritas no Rexistro de Prohibidos. E duplica a distancia á que terán que situarse os establecementos de xogo en relación aos centros oficiais de ensino regrado a menores de idade, e centros oficiais de rehabilitación de persoas xogadoras patolóxicas.

Así mesmo, a lei fixa un límite máximo de establecementos e establece un concurso público para poder acceder ás novas autorizacións de instalacións. E, en relación ás máquinas de xogo, recolle tamén medias de prevención dirixidas a planificar e limitar o xogo en comecartos e apostas, limitando a dúas o número de máquinas que poden instalarse nos locais de restauración e ocio.

A creación do Observatorio Galego do Xogo é un chanzo máis no obxectivo do Goberno galego de garantir un modelo de xogo responsable que permita conxugar unha actividade regrada e normativizada coa protección dos colectivos máis vulnerables.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS