A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o concello de Crecente para coñecer as actuacións que van a realizarse co apoio da Xunta na cuberta da casa consistorial do municipio. A actuación conta cunha achega de 60.000 euros (o 100% do custo da obra) aportada a través dun convenio asinado entre o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde de Crecente, Julio Cesar García.
As obras de mellora abarcan a totalidade da cuberta, así como o sistema de recollida de augas pluviais, revestimentos e outros elementos que mellorarán a impermeabilización do edificio administrativo e arranxarán as filtracións que estan a afectar a parte das instalacións. Os traballos inclúen a renovación da cubrición de tella, a colocación de caleiros e baixantes e o revestimento da caña de recollida de auga, entre outras melloras estruturais, para evitar posibles filtracións futuras e facilitar o aforro enerxético na climatización das dependencias.
Segundo sinalou Natalia Prieto, a execución desta actuación supón materializar un compromiso acadado coa sinatura do convenio co concello de Crecente para resolver os problemas existentes na casa consistorial. O obxectivo é que tanto os traballadores municipais como as persoas usuarias dispoñan de instalacións axeitadas, seguras e confortables para o desenvolvemento das súas actividades.
Outras melloras
O convenio asinado que impulsa esta actuación enmárcase no apoio da Xunta ás administracións locais para a realización de melloras nas instalacións municipais e potenciar así a calidade na prestación dos servizos, coa mellora da eficiencia enerxética das súas infraestruturas.
Nesta liña, cómpre sinalar que o Goberno galego tamén colabora este ano co concello de Crecente cun investimento de 35.000 euros para acondicionar o camiño público do lugar de Pazo, na parroquia de Albeos, dentro das actuacións realizadas ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público da dirección xeral de Administración Local.