Galicia vive, de novo, o inferno dos incendios forestais. En Lugo, un lume que se rexistra no municipio de Patón arrasou xa unhas 700 hectáreas e obrigou a evacuar a 47 veciños e veciñas de tres núcleos de poboación. En Ourense, o incendio no Bolo calcina con 200 hectáreas arrasadas e foron confiandas 263 persoas. En ambos casos, a Xunta de Galicia activou a situación 2 de emerxencia pola proximidade ás casas e contan con apoio da UME, segundo o último boletín que vén de emitir a Consellería de Medio Rural.
LUGO
ACTIVOS
Activo Pantón-Pombeiro. Activada Situación 2
Ás 14.16 horas da pasada xornada iniciouse o incendio forestal rexistrado no concello de Pantón, parroquia de Pombeiro, no que se mantén activa a Situación 2 de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación de Lornís. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 700 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 45 axentes, 63 brigadas, 49 motobombas, 8 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 12 avións. Neste lume solicitouse a mobilización de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
CONTROLADOS
Controlado Barreiros-San Xusto de Cabarcos
Segue controlado desde o pasado martes 16 ás 21.59 horas o incendio forestal rexistrado no concello de Barreiros, parroquia de San Xusto de Cabarcos, iniciado o domingo 14 ás 16.14 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 140 hectáreas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 8 técnicos, 77 axentes, 104 brigadas, 81 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 2 avións.
OURENSE
ACTIVOS
Activo O Bolo-Vilaseco. Activada a Situación 2
Permanece activo desde onte ás 23.47 horas o incendio forestal do concello do Bolo, parroquia de Vilaseco, no que segue decretada a Situación 2 de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de Santa Cruz, medida que se desactivara a última hora mañá e se tivo que reactivar esta tarde tras empeorar as condicións meteorolóxicas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 200 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 3 técnicos, 16 axentes, 25 brigadas, 15 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 pas, 6 helicópteros e 11 avións. Neste lume solicitouse a mobilización de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Confinamentos
Un total de 47 persoas foron evacuadas e 263 confinadas nos concellos de Pantón e O Bolo, respectivamente.
En Pantón, concretamente nos núcleos de Cibrisqueiros, Frontón e Budián foron evacuadas 47 persoas, isto é, 6 en Cibrisqueiros, 20 en Frontón e 21 en Budián. Ademais, no Bolo procedeuse ao confinamento dos núcleos de Lentellais, Santa Cruz e O Bolo.