A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun exemplar de ave silvestre afectado por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).
Trátase dunha gaivota patiamarela atopada no municipio de Cangas e que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, no tamén pontevedrés concello de Cerdedo-Cotobade. A ave foi mostrexada para proceder á análise laboratorial, eliminándose o cadáver conforme á normativa en vigor, segundo explican desde a Xunta de Galicia. Este caso é o sexto confirmado en Galicia no 2025.
Con esta notificación de Galicia, o número de focos en España no presente ano ascende a 38 en aves silvestres (dos cales seis corresponden a Galicia, e os restantes a Andalucía, Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Estremadura e País Vasco); cinco en aves de curral (un en Estremadura, dous en Castela-A Mancha e outros dous en Andalucía) e dous en aves criadas en catividade (no País Vasco e Andalucía).
Coa notificación do primeiro foco en aves de curral detectado en Estremadura en xullo deste ano, España perdeu o status de país libre de Influenza aviaria, «o que tivo como consecuencia a adopción por parte dalgúns países terceiros de restricións ás exportacións de aves e produtos de orixe aviaria».
Zonas de Especial Risco
Porén, a notificación deste foco en Galicia, ao tratarse de aves silvestres, non supón restricións adicionais ás actualmente existentes, que afectan unicamente ás denominadas Zonas de Especial Risco (concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa na provincia de Pontevedra; Cerceda, Ordes e Tordoia na provincia de A Coruña; e Xove na de Lugo) e que son medidas relacionadas fundamentalmente con restricións nas condicións de cría de aves ao aire libre e á celebración de concentracións de aves.
Dependendo da evolución da situación epidemiolóxica, situación que se revisa semanalmente en base a indicadores de risco epidemiolóxicos, «estas medidas poderían modificarse e/ou estenderse a outras zonas», indican desde a Xunta de Galicia.
Dada a relevancia do sector avícola en Galicia, desde a Consellería do Medio Rural insístese na «importancia de reforzar as medidas de bioseguridade das nosas explotacións avícolas, tanto das industriais como das familiares, especialmente as destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia das aves domésticas e silvestres, comunicando de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita da enfermidade». No caso das aves silvestres «esta comunicación pódese levar a cabo a través do teléfono de atención á cidadanía 012».
Cómpre lembrar que o serotipo vírico detectado (H5N1) ten demostrado un escaso carácter zoonótico (capacidade de transmisión aos seres humanos), aínda que por un principio básico de bioseguridade, desde Medio Rural recomendan non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.