“Ramón González e Corona González Santos: un matrimonio de filántropos”, é o título da obra que afonda na vida e legado de dúas figuras clave na historia recente do Porriño e de Ribadeo e que foi presentado na casa consistorial porriñesa.
Durante o acto, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou que “non só presentamos un libro, senón que reivindicamos unha historia compartida, un vínculo profundo entre dúas vilas que xa son irmás. Ramón e Corona nunca buscaron protagonismo, pero hoxe, con este libro, devolvémoslles a visibilidade que merecen”.
Pola súa banda, o seu homólogo ribadense, Daniel Vega subliñou a importancia de seguir fortalecendo os lazos institucionais e culturais que unen ambos concellos, promovendo actuacións para homenaxear a figuras como don Ramón e dona Corona que foron clave para o desenvolvemento das nosas vilas, destacando o seu labor altruísta.
A obra, escrita por Celia Castro, recupera a memoria de Ramón González e da súa esposa, Corona González Santos, un matrimonio que destacou polo seu compromiso social e a súa xenerosidade tanto co pobo do Porriño como co de Ribadeo.
A autora, que contou como se coñeceron, “na estación de tren do Porriño dun xeito fortuíto, foi un frechazo e casaron os poucos meses”, agradeceu a acollida e puxo en valor a importancia de conservar e transmitir exemplos de filantropía coma o de don Ramón e dona Corona. A escritora, que coñeceu persoalmente a dona Corona, lembrou que “ambos axudaron na época de fame, aos damnificados da gripe do 18, ás viúvas de náufragos… todo isto a maiores dos feitos materiais, de financiación para a construción de edificios, como este no que nos atopamos, deseñado polo seu amigo Antonio Palacios”.
Alejandro Lorenzo incidiu na gran pegada que deixou Ramón González e tamén a súa dona Corona, unha muller xenerosa e discreta. “A súa historia non é só memoria, é tamén exemplo, exemplo de filantropía verdadeira, de compromiso social, de amor ás raíces, de traballo polo ben común. O seu legado segue presente nas numerosas familias que axudaron, nas institucións que impulsaron e nas obras que hoxe forman parte do noso patrimonio”.
O evento contou tamén coa presenza de representantes da familia Fontán Domínguez, descendentes do matrimonio homenaxeado, así como doutras autoridades locais e veciñanza, que quixeron participar desta emotiva xornada de memoria e cultura.

