Martes, Febreiro 3, 2026
HomeNewsComarcasO SAF de Ponteareas anuncia unha folga indefinida a partir do 26...

O SAF de Ponteareas anuncia unha folga indefinida a partir do 26 de setembro

Dixeron basta. As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Ponteareas veñen de comunicar á Consellería de Economía, Emprego e Industria, na súa sede en Vigo, que, a partir do 26 de setembro, comezarán unha folga indefinida.

No escrito que dirixien á Xunta de Galicia, e ao que tivo acceso o equipo de informativos de Si Radio de Galicia, as traballadoras indican que “a folga está convocada no centro de traballo do servizo de axuda no fogar do Concello de Ponteareas” e que “comezará o día 26 de setembro de 2025 a partir das 07:00 horas“. Ademais, apuntan que “terá carácter indefinido“.

A convocatoria de folga indefinida “afectará a todas as traballadoras do devantido servizo que realizan o traballo de asistencia a domicilio no Concello de Ponteareas”. Alegan falta de medidas de protección da saúde das traballadoras e incumprimento en materia de normativa laboral básicas.

“Unha trampa”

A representante sindical Digna Cardoso explica que “xa avisamos que a licitación do SAF en Ponteareas era unha trampa” porque “ía abrir a porta ás empresas piratas, esas que fan negocio coa precariedade e cos dereitos das traballadoras“. Lamenta que “non nos fixeron caso” e que o concelleiro “Francisco Jesús Represas vendera o conto da boa xestión e da empresa marabillosa”.

Neste contexto, Cardoso explica que “o que temos hoxe é explotación, impagos, falta de material, fraude ás traballadoras, débedas cos provedores e un desprezo absoluto polas persoas usuarias”.

Segundo explica a representante sindical, pertencente á CIG, “levamos desde abril, mes no que entrou Óbolo, a empresa adxudicataria, reclamando, rexistrando escritos, falando en persoa e esixindo que se respeten os dereitos laborais básicos” pero “o que recibimos foi silencio, negación e propaganda barata mentres as traballadoras seguimos sen cobrar o que nos corresponde, sen as cotizacións que nos pertencen, sen condicións mínimas para facer o noso traballo”.

As traballadoras do SAF de Ponteareas mantiveron unha reunión coa concelleira de Benestar, Raquel Plana, e o edil Francisco Jesús Represas e, nesa xuntanza, tal e como indica Digna Cardoso, “o señor Represas só sabe repetir, con desprezo, que o que queremos é ser funcionarias“.

Ante isto, Cardoso responde que “si, o que queremos es ser funcionarias, se para que nos respecten temos que ser funcionarias, queremos ser funcionarias e se para que nos traten como persoas e non como man de obra barata, queremos ser funcionarias. Se para que o servizo público sexa de verdade público, digno e con dereitos, queremos ser funcionarias”.


Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS