Tui será o escenario dun xogo de escapismo sobre “A comunidade xudía de Tui” que terá lugar este domingo 21 de setembro, ás 11.30 h. Comezará diante da Oficina Municipal de Turismo no Paseo da Corredoira. Esta actividade forma parte da programación do “Setembro xudeu en Tui”.
A través das rúas do conxunto histórico de Tui, as persoas participantes poderán coñecer o pasado xudeu e as curiosidades da comunidade xudía que viviu en Tui durante o século XI. As xogadoras e xogadores deberán seguir as indicacións e pistas para ir resolvendo os diferentes desafíos e avanzar no seu percorrido por distintos puntos claves de Tui, con códigos numéricos, labirintos, anagramas… todo para afondar na cultura e na historia xudía, entre os muros e edificios da cidade.
Será un percorrido circular con dificultade moderada e accesible para persoas con mobilidade reducida. A ruta conta con costas pronunciadas. Recoméndase levar o teléfono móbil con batería suficiente e conexión a internet para poder realizar as probas, así como papel e lapis para usar en caso de necesitalo para a resolución dos retos.
As persoas que desexen participar deberán inscribirse obrigatoriamente a través do seguinte formulario https://forms.gle/iWnLySfPw7BMY6QR6 e acudir ao punto de encontro marcado na actividade. Pódese contactar co teléfono 674 31 42 78 para resolver dúbidas. Os e as menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta.
A concelleira de Turismo de Tui, Ana Núñez, convida a todas as persoas a inscribirse “e formar parte desta experiencia única que nos levará a explorar o pasado e desvelar os segredos que resaltan a rica herdanza xudía na nosa cidade”. Engade Ana Núñez que “para nós é un orgullo que a nosa historia forme parte dunha iniciativa que permita coñecer dun xeito dinámico, interactivo e distinto o importante legado xudeu que atesoura Tui”.
