O Concello do Porriño está a realizar os traballos de acondicionamento do que será o primeiro parque para animais do municipio situado na Avenida de Galicia, unha localización privilexiada no centro da vila. Trátase dunha parcela de 1.614 metros cadrados, que será transformada nun espazo moderno, funcional e pensado tanto para o desfrute da cidadanía como dos animais de compañía.
“Queremos crear espazos que respondan ás demandas da nosa xente. Este parque é un paso máis cara a un Porriño máis verde, máis amable e máis inclusivo, tamén cos porriñeses de catro patas”, sinalou o alcalde durante unha visita ao parque acompañado do concelleiro Marcos Martínez.
O deseño do novo espazo contempla dúas áreas diferenciadas, por unha parte, a máis próxima á avenida principal, unha zona verde aberta ao público, con árbores, bancos, papeleiras e mobiliario urbano, que ofrecerá un lugar de descanso e encontro para a veciñanza e outra área anexa valada e pechada perimetralmente, destinada de xeito exclusivo ao lecer dos cans, gatos e demais animais onde poderán correr e xogar nunha contorna segura e controlada.
Ademais, o parque contará cunha fonte de auga adaptada tanto para persoas como para animais, favorecendo así o benestar e a comodidade de todos os usuarios. Neste sentido, “faise un chamamento de concienciación e responsabilidade cidadá para que se recollan os excrementos dos animais e se utilicen botellas con desinfectante, co fin de manter o municipio limpo e agradable para todos”, puntualiza o concelleiro.
O Concello prevé que esta nova área de recreo estea operativa o vindeiro mes e continúa traballando en novas actuacións para mellorar a calidade de vida no municipio.