Hai xa 35 anos que familias de toda Galicia acollen nas súas casas durante os meses do verán a rapaces que viven nos campamentos de refuxiados de Tinduf, en Alxeria. En concreto, este 2025 foron 305 os nenos e nenas que participaron no programa «Vacacións en Paz«, que lles permite escapar durante o verán das altas temperaturas que se rexistran nos campamentos.
Así, este sábado 30 de agosto, SOGAPS, a asociación coordinadora do programa de acollemento aquí en Galicia, organiza unha festa infantil no municipio de Ponteareas para despedilos ata o próximo verán.
A festa, gratuita e de acceso libre para todo o mundo, celebrarase na praza Bugallal dende as 18 horas e continuará ata a media noite. O evento conta coas actuacións do Mago Marco, Peter Punk Pallaso, o Grupo de Gaitas Os Ventos de Comesaña, Os Cuncheiros de Vigo, Os Auténticos de Sabarís, Os Alteanos de Ponteareas e o DJ Vin.
Segundo aseguran dende a organización «trátase de dar unha calorosa despedida a estes nenos que os días 5 e 6 de setembro encaran a viaxe de regreso ás súas casas».
Durante a realización do evento haberá un posto solidario de comida e bebida co fin de recadar diñeiro e enviar axuda humanitaria aos campamentos. A maiores, xunto aos cativos nos avións, viaxa unha comisión sanitaria galega formada por cinco profesionais do ámbito da saúde.
Desde SOGAPS queren aproveitar o espazo nas bodegas dos avións nos que viaxan os nenos, para enviar o máximo material sanitario posible «para que este equipo de voluntarios poida desenvolver o seu traballo nos campamentos».
