viernes, agosto 22, 2025
InicioNewsIncendios en Galicia: O lume calcina máis de 80.000 hectáreas e continúan...

Incendios en Galicia: O lume calcina máis de 80.000 hectáreas e continúan focos activos en tres provincias

A Xunta de Galicia vén de actualizar a situación dos lumes que afecta á comunidade. Así, permanece activo o Nivel 2 de emerxencia en varios concellos así como na provincia de Ourense.

Lugo

ACTIVOS

Carballedo-A Cova. Decretada Situación 2

Está activo un incendio forestal no concello lucense de Carballedo, parroquia da Cova, que se orixinou onte ás 18.14 horas e no que se decretou a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Oleiros. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie estimada de arredor de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 técnicos, 3 axentes, 7 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 3 avións.

Ourense

Permanece decretada a Situación 2 en toda a provincia, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).

ACTIVOS

Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos

Os incendios no concello de Chandrexa de Queixa comezaron o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Os tres acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 154 axentes, 188 brigadas, 113 motobombas, 19 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 30 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín

O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 140 axentes, 182 brigadas, 117 motobombas, 4 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 33 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo A Mezquita-A Esculqueira

Desde as 09.42 horas do martes 12 está activo o incendio forestal que se iniciou no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 7 técnicos, 45 axentes, 55 brigadas, 48 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 4 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.

Activo Larouco-Seadur

Desde as 18.55 do mércores 13 está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 47 técnicos, 203 axentes, 258 brigadas, 208 motobombas, 11 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Carballeda de Valdeorras-Casaio (anteriormente A Veiga-A Ponte)

Desde as 18.42 horas de luns está activo un lume no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio (anteriormente denominado A Veiga-A Ponte), que segundo as últimas estimacións provisionais afecta 2.600 hectáreas e que entrou en Galicia dende Castela e León. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 axentes, 31 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 1 técnico, 4 avións e 8 helicópteros.

ESTABILIZADOS

Estabilizado Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas

O venres 15 ás 16.38 horas iniciouse o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só lume, que está xa estabilizado desde onte ás 11.36 horas e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 83 axentes, 141 brigadas, 86 motobombas, 4 pas, 2 unidade técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.

Estabilizado Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)

O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume que quedou estabilizado ás 00.37 horas do martes 19. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 94 axentes, 147 brigadas, 84 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Estabilizado Vilardevós-Moialde

Ás 20.22 horas deste mércores estabilizouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns 11. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 600 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 28 axentes, 39 brigadas, 23 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 6 avións.

Estabilizado Vilardevós-Vilar de Cervos

Ás 23.44 horas do martes 19 quedou estabilizado o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado mércores 13 ás 18.09. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 22 axentes, 14 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.

Estabilizado Vilardevós-Fumaces e a Trepa

Estabilizado desde as 01.39 horas do martes 19 o incendio iniciado ás 17.41 horas do xoves 14 no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.

Estabilizado Riós-Trasestrada

Estabilizado desde as 01.39 horas do martes 19 o lume que comezou o luns ás 14.33 horas no concello ourensán de Riós, parroquia de Trasestrada, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, no seu conxunto, 2 axentes, 2 brigadas, 1 motobomba, 2 helicópteros e 3 avións.

Estabilizado Montederramo-Paredes

Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes 12 o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.

CONTROLADOS

Controlado Muíños-Requiás

Permanece controlado desde as 06.00 horas de hoxe un incendio no concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que se iniciou ás 01.15 horas deste mesmo día e afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Segundo as últimas estimacións, o lume abrangue unha superficie estimada de 1,5 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 axentes, 6 brigadas e 4 motobombas.

Pontevedra

ACTIVOS

Activo Vilaboa-Santa Cristina de Cobres. Decretada Situación 2

Está activo desde as 16.37 horas de onte un incendio forestal na localidade pontevedresa de Vilaboa, parroquia de Santa Cristina de Cobres, e no que se activou a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de Vilar. Segundo as últimas estimacións provisionais, o incendio afecta unha superficie de arredor de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 3 técnicos, 10 axentes, 19 brigadas, 19 motobombas, 1 pala, 1 unidade técnica de apoio, 4 helicópteros e 8 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Oia-Mougás. Desactivada Situación 2

Dende as 18.41 horas de onte está activo un incendio forestal no concello pontevedrés de Oia, parroquia de Mougás, no que se vén de desactivar a Situación 2 decretada como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Mougás. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie estimada de arredor das 40 hectáreas. Mobilizáronse de xeito acumulado para a súa extinción 2 técnicos, 7 axentes, 11 brigadas, 13 motobombas, 1 pala, 1 helicóptero e 2 avións.

CONTROLADOS

Controlado Agolada-O Sexo

Ás 16.35 horas de onte deuse por controlado o incendio forestal do concello de Agolada, parroquia do Sexo, que se iniciou o pasado venres e o cal, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de 400 hectáreas. Neste lume foi preciso activar a Situación 2, medida adoptada de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Sexo. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 5 técnicos, 29 axentes, 47 brigadas, 52 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 2 avións.

Cómpre salientar que nos incendios estase a contar coa colaboración de bombeiros dos consorcios provinciais, bombeiros municipais, GES e servizos de emerxencias locais.

Confinamentos

Esta noite non se rexistraron novos confinamentos ou evacuacións na provincia de Ourense e os técnicos manteñen a vixilancia sobre os núcleos que poden verse afectados polos incendios forestais.

No caso de Oia, foron desaloxadas de maneira preventiva 45 persoas que se atopaban nun cámping en Mougás e que xa puideron retornar ás instalacións. Con todo, algunhas delas quedaron aloxadas no cámping de Santa Tecla, na Guarda. Por outra parte, en Vilaboa foron desaloxadas 14 persoas no núcleo de Paradellas.

En Carballedo, de maneira preventiva, evacuouse o Albergue dos Peares (Carballedo): os mozos e mozas, acompañados polo persoal do campamento, foron trasladados ao albergue xuvenil Lug2. Trátase de 53 nenos e 11 monitores.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS