A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para a implantación dun matadoiro, sala de despezamento e industria cárnica na parroquia de San Xoán de Laíño, no concello coruñés de Dodro, que está supeditado ao cumprimento das condicións incluídas nos distintos documentos emitidos durante a tramitación ambiental.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. No devandito estudo, resólvese que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como na restante documentación analizada e no programa de vixilancia ambiental.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de dez organismos interesados.
Froito desas consultas, a maioría realizaron a valoración correspondente e estableceron algúns condicionantes que se recollen na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade. O informe de impacto ambiental marca tamén o contido que deberá ter o programa de vixilancia e seguimento ambiental, que terá que elaborar o promotor do proxecto.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación á protección da atmosfera e contaminación acústica, poboación e saúde; augas e leitos fluviais; xestión de residuos; integración paisaxística ou protección da fauna e da vexetación, entre outros.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, tamén foi remitida a resolución ao órgano substantivo -a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias-.
Matadoiro
O proxecto para a implantación dun matadoiro, sala de despezamento e industria cárnica situarase nunhas instalacións industriais existentes preto do núcleo principal de San Xoán de Laíño, no concello de Dodro. As instalacións están localizadas nunha parcela de 6.125 m2, que conta cunha edificación de 5.996 m2 distribuída en dúas plantas, soto, semisoto e cunha nova EDAR, que reducirá a carga contaminante das augas residuais mediante unha liña de depuración modernizada.
A instalación, promovida por Matadero del Sar, SL, pretende realizar o procesamento de carne de vacún e porcino, así como a produción de embutidos frescos e afumados, salgaduras, produtos cárnicos, aceites e graxas sen refinar. A capacidade de produción total anual está previsto que alcance as 11.000 tn.
Agora a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, como órgano substantivo -encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia-, pasa a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental e encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento das exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como no propio IIA e no plan de vixilancia ambiental de aplicación.