lunes, agosto 18, 2025
InicioNewsA Xunta confirma a presenza de mosquito tigre en Bueu a través...

A Xunta confirma a presenza de mosquito tigre en Bueu a través da Rede Galega de Vixilancia de Vectores

A Xunta, a través da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), da que tamén forman parte as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, confirmou a presenza de mosquito tigre no concello de Bueu. A confirmación realizouse por parte dos entomólogos da Rede Galega de Vixilancia de Vectores tras unha notificación dun cidadán de Bueu a través da aplicación de ciencia cidadá Mosquito alert.

A Consellería de Sanidade ten un acordo de colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) na promoción da descarga desta aplicación móbil coa que a cidadanía pode achegar fotografías para o seu estudo por parte dos especialistas en entomoloxía, quen confirmarán se se trata ou non de mosquito tigre ou doutra especie.

Desde a Rede Galega de Vixilancia de Vectores, e en colaboración co Concello, ampliarase a vixilancia colocando trampas para ver a extensión e abundancia do mosquito tigre en función dos criterios dos técnicos de Saúde Pública e dos expertos entomólogos que conforman a rede.

Ademais, o Concello de Bueu, sumarase aos de Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, O Porriño e Vilaboa como integrante do comité técnico do mosquito tigre.

Enfermidades

A Consellería de Sanidade agradece a participación cidadá seguindo os consellos para evitar a proliferación deste insecto, que é vector de enfermidades de importancia na saúde pública como son o dengue, chikungunya ou Zika. Lémbranse que a maneira máis efectiva de evitar esta proliferación é impedir a posta de ovos e o crecemento das larvas con pautas sinxelas como eliminar puntos de auga estancada en bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións co seu simple baleirado ou coa renovación da auga cada 4-5 días.

En canto á picadura, para evitala aconséllase o uso de repelentes específicos que se poden atopar nos listados de produtos autorizados, ademais de recomendar vestir con manga e pantalóns largos e calzado pechado ou colocar mosquiteiros en portas e ventás. As picaduras poden ser molestas e, nalgún caso, poden producir reaccións alérxicas de certa gravidade.

Toda a información está dispoñible na seguinte ligazón da Dirección Xeral de Saúde Publica.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS