A Xunta apela á responsabilidade da cidadanía e a evitar a realización de calquera actividade cinexética na provincia de Ourense ante «a actual vaga de incendios en distintos concellos e zonas forestais co fin de velar pola seguridade das persoas».
A Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou unha resolución pola que «queda prohibida toda actividade cinexética na provincia de Ourense mentres se manteña un nivel 2 de emerxencia ou superior a polos lumes». Trátase dunha medida que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia o vindeiro luns.
Por iso, o Executivo autonómico pide ao conxunto da cidadanía que actúe «coa máxima precaución mentres esta medida non entra en vigor e insta a non correr riscos innecesarios ante a situación de emerxencia que se está a vivir na provincia», nun momento de «máxima concentración dos esforzos para a extinción dos incendios«.
A decisión da Dirección Xeral de Patrimonio Natural está amparada na Resolución do 10 de abril de 2025 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2025-2026, que permite modificar os períodos de caza cando haxa razóns ou circunstancias especiais que así o xustifiquen, como é o caso.