lunes, agosto 11, 2025
InicioNewsComarcasNigrán construirá unha pista pública de "surf-skate" xunto á praia de A...

Nigrán construirá unha pista pública de «surf-skate» xunto á praia de A Cansadoura, en Patos

O Concello de Nigrán vén de licitar a construcción dunha pista de surf-skate en Patos que se sumará ao pump-track do céntrico barrio do Salgueiral, tamén en fase de contratación. Estas infraestruturas para a práctica de deportes urbanos como skate, BMX ou scooter, financiaranse con cargo ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, tendo uns orzamentos base de 44.356 € e 75.400 € respectivamente.

«Esta pista, solicitada desde a Asociación de Escolas de Surf de Patos para complementar a formación do seu alumnado, requeríu da autorización de Costas, polo que se demorou máis do previsto a súa licitación», incide o rexedor, Juan González, xa que se ubicará na zona infantil ao carón do aparcadoiro da praia de A Cansadoura (contigua a Patos). «Será un espazo público de calidade que non modificará a contorna», engade.

Como será a nova pista de «skate-surf» de Nigrán?

Así, a infraestrutura ocupará unha superficie de 366 m2, construíndose en forma de anel pechado en asfalto cun lado recto con curva de 2,40 e 7 metros respectivamente e outro tramo sinuoso con curvas de 2,40 m. A maioría das medidas dos elementos serán axeitados para todas as idades e niveis, pero con algúns obstáculos para practicantes de nivel máis avanzado que poderán empregar a medida que vaian ascendendo.

O obxectivo do surfskate é levar os movementos e as sensacións do surf ao asfalto, empregando un skate cuns eixes que simulan o movemento fluído dunha táboa de surf nunha onda, polo que é unha infraestrutura fundamental para perfeccionar técnicas vinculadas ao surf ou adestrar cando a situación do mar non o permite.

Lugar onde se construirá a nova pista de «skate-surf»

«A ubicación non podía ser outra que Patos, a praia por excelencia para a práctica do surf no Sur de Galicia; polo que esta infraestrutura suporá un salto de calidade máis que beneficiará aos surfistas e a todo aquel que desexe iniciarse neste deporte», explica González, quen vincula o fomento do deporte coa mellora da saúde física e mental e a socialización.

«Desde o Concello de Nigrán consideramos que temos o deber de adaptarnos continuamente ás novas tendencias sociais, e no eido deportivo isto supón investimentos en este tipo de pistas ou en infraestruturas como a calistenia de Panxón ou A Ramallosa, deporte de moda tamén entre a mocidade», finaliza.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS