O Concello do Porriño vén de informar que, debido á execución dunha nova fase das obras de renovación e mellora do entorno do Templete de San Luis e do acceso ao cemiterio municipal, procederase ao corte dun carril na rúa Domingo Bueno, á altura do Templete, a partir de hoxe e durante aproximadamente unha semana.
Durante este período, o tráfico será regulado por semáforos provisionais, co obxectivo de minimizar as molestias á veciñanza e garantir a seguridade de peóns e condutores mentres duren os traballos.
O Concello «agradece a comprensión da cidadanía ante estas molestias temporais, que responden á necesidade de acometer unha actuación clave para mellorar a accesibilidade e o aspecto deste espazo emblemático da vila».
As obras consisten na renovación integral da beirarrúa de acceso ao cemiterio municipal, coa substitución do pavimento actual, bastante deteriorado, por pedra granítica tipo Rosa Porriño, a ampliación da beirarrúa na curva do Campo da Feira e a mellora do paso peonil elevado fronte ao Templete de San Luis. Trátase dunha intervención que «busca dignificar o entorno patrimonial e mellorar a mobilidade e seguridade viaria no núcleo urbano».