O FP Ranking 2025, que este ano cumpriu a súa quinta edición, acaba de presentar a lista de centros de formación profesional ordenada de maior a menor relevancia nacional, onde o Colexio Lar se clasifica como o número 15. A finalidade deste ranking é, tal e como informan dende a súa organización “mostrar unha realidade fiel que englobe a totalidade da oferta formativa da FP privada española”.
Así, para comparar de forma obxectiva os datos de todos os centros, o ente encargado de realizar este ranking emprega un método de recollida de información baseado en fontes secundarias, en concreto, mediante a Base de Datos Oficial que proporciona o Ministerio de Educación.
Desta forma, a clasificación conta cun total de 631 centros de formación profesional oficial e regulada que compiten en igualdade de condicións, baixo criterios como: taxas de aprobados, ratios de profesorado/alumnado, plans de igualdade, número de titulacións e mesmo metros cadrados totais.
En consecuencia, do total dos 631 centros, a clasificación xeral do FP Ranking 2025 queda integrada por 31 centros, entre os cales o Colexio Lar se atopa no posto número 15.
Mellores expedientes na PAU
Un total de 11 alumnos e alumnas do Colexio Lar matriculados en Formación Profesional no propio centro foron recoñecidos como “mellores expedientes” na matrícula para as Probas de Acceso á Universidade (PAU).
Así, a Cristina Vázquez, Haizea Fernández, Sonia González, Sabrina Zúñiga, Nuria Arca, Andrea Limia, Antía Balado, Zaira Campo, Elisa Rodríguez, Carolina Rodríguez e Laura Barros recoñéceselles polo traballo realizado durante todo o curso conseguindo unha nota media de sobresaínte.
Dende o centro aseguran que “este recoñecemento é froito do esforzo e constancia tanto das alumnas como do profesorado, e pon en valor a importancia da Formación Profesional”. Ademais, aseguran que “no anterior curso, o 98% do noso alumnado titulou en dous anos” e engaden que “practicamente o 100% do alumnado remata o ciclo, o 60% continúan estudando e o 40% insírese no mundo laboral”. «