O vindeiro xoves 22 de maio terá lugar en Salceda de Caselas un torneo aberto de petanca enxebre con moitas peculiaridades. A primera delas, e a máis chamativa, non está permitida a participación a xogadores federados nin a aqueles que “sepan xogar”.
O evento está organizado pola cervexería ‘Fiuncho e Néboda‘, situada nos arredores do Pazo de Pegullal en Salceda de Caselas. Trátase dun pequeno local, ubicado nunha contorna idílica entre carballos e castiñeiros con cheminea no interior, terraza baixo o arboredo e incluso un pequeno campo de petanca.
Nese campo exterior de petanca será onde terá lugar o primero aberto de petanca enxebre, onde se competirá “en modalidade individual, nunha pista anti-regramentaria” e con normativa propia“, tal e como indican dende a propia organización.
Para inscribirse chega con achegarse ao local a partir das 19:00h. Non é preciso levar material, xa que dispoñen del alí mesmo. Ademais, o gañador terá como premio que non terá que pagar todo aquilo que consuma durante a xornada.
Tal e como conta a Si Radio de Galicia, Miguel Martínez, rexente do local, o obxectivo da xornada “é pasalo ben“. “Nós sempre xogamos coas nosas regras, porque é máis divertido” asegura.
Ademais, recorda que este evento está enmarcado na celebración do seu primeiro ano de vida e que a celebración do aniversario terá lugar o vindiero 30 de maio con “concertos e moitas sorpresas”.


