O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá no acto de entrega das 22ª Medallas Anfaco-Cecopesca, onde destacou que o sector conserveiro é fundamental para “a economía galega” e forma parte “da marca Galicia Calidade” que leva o nome da comunidade por todo o mundo.
O presidente subliñou a fortaleza da cadea-mar industria, cunha alta capacidade de xeración de riqueza (máis de 2.500 millóns de euros anuais), emprego (con máis de 11.000 postos directos) e cunha exportación internacional que acada máis de 130 países. Salientou ademais que se trata dun sector que aposta polo emprego feminino e cunha gran presenza de empresas familiares.
O compromiso da Xunta con este sector amósase a través de diferentes medidas coma o Plan Estratéxico do Sector Conserveiro 2022-2030, elaborado en colaboración coas empresas e cos técnicos. Esta folla de ruta contempla máis de 80 medidas centradas na internacionalización, innovación, mellora do emprego e valorización do produto, cun investimento superior aos 135 millóns de euros entre 2022 e 2025.
Ademais, Rueda aproveitou para reivindicar a importancia dunha regulación equilibrada do litoral, que inclúe a aprobación da Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral e o traspaso das competencias para que Galicia poida autoxestionar a súa costa. Segundo explicou, esta norma garante a seguridade xurídica e compatibilidade entre a protección ambiental e a continuidade das actividades produtivas no litoral, mantendo o compromiso de Galicia coa sustentabilidade e o desenvolvemento responsable. “E a cadea mar-industria é un bo representante disto: crea riqueza no territorio a través dos recursos, pero sen aproveitarse deles”, indicou.
O presidente instou ao sector e a Anfaco-Cecopesca a seguir colaborando coa Xunta nos retos presentes e futuros deste eido coma pode ser incrementar o consumo de peixe. “Hai que volver a poñelo de moda porque é algo saudable”, indicou.
Medallas
Anfaco- Cecopesca é unha entidade que, ao longo dos seus 121 anos de historia, logrou consolidarse como referente a nivel nacional e internacional na defensa dos intereses do complexo mar-industria. Agrupa máis de 250 empresas, representando o 70% da facturación e do emprego do sector en España.
Os galardoados coas medallas da asociación nesta edición, recoñecidos pola súa contribución ao complexo mar-industria alimentaria, inclúen a Carmen Abuí, María Saturna Tubío e Josefa Lago; á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; e ao empresario Severino Escurís.