A Xunta de Galicia acaba de emitir a resolución a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) na que se recoñece a calidade das augas das praias. A comunidade sitúase como a terceira con máis galardóns no conxunto do Estado e o municipio pontevedrés de Sanxenxo consegue, un ano máis, ser a localidade con máis areiais destacados de todo o territorio nacional. Pola contra, a cidade de Vigo perde unha das súas bandeiras máis destacadas: a de Samil.
Neste contexto, o PP de Vigo lamenta que este areal da cidade olívica, «a máis popular e concorrida», tal e como indican os populares, «perdera a súa bandeira azul». O voceiro Miguel Martín califica o feito como de un «fracaso» e vinculao «á incompetencia do goberno Abel Caballero» posto que, segundo indica o edil, «a responsabilidade de obter este distintivo corresponde directa e intransferiblemente ao Concello de Vigo, dado que é a adminsitración local a que debe manter a calidade das augas».
Segundo o voceiro do Partido Popular, o rexedor socialista «asumiu de forma implícita esta culpa, ao non anunciar as bandeiras conseguidas como si o fixo hai un ano e optar por esconderse detrás da concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez». Martín critica que o alcalde Abel Caballero sinale á Xunta de Galicia como responsable, a administración que «únicamente mide a calidade das augas» e «Caballero sabeo e precisamente por iso, unha vez máis, non da a cara».

108 praias con bandeira azul
Galicia terá este ano un total de 108 praias en 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.