Xoves, Febreiro 19, 2026
HomeNewsA terraIris Abril, a veciña de Salvaterra que leva a súa música ata...

Iris Abril, a veciña de Salvaterra que leva a súa música ata o ‘prime time’ nacional

‘El Piano’, o novo programa de ‘La Sexta’ onde participa a salvaterrense Iris Abril estréase esta noite. O programa comezará ás 22:30h e estará presentado por Ruth Lorenzo. Ademais, Pablo López e Mika serán os xuíces que tratarán de buscar ao mellor pianista entre os candidatos.

Os participantes sentaranse en pianos públicos de dúas estacións de trens de España e deberán sorprender aos transeúntes co seu talento e as súas historias. Ao mesmo tempo e sen que eles o sepan, as súas actuacións estarán sendo seguidas en segredo dende unha habitación oculta polos dous xuíces, Pablo López e Mika. Ademais, cada episodio do programa será autoconclusivo, é dicir, haberá un gañador por cada un dos seis capítulos que o compoñen.

Iris Abril, a moza salvaterrense que participa neste novo programa, é unha rapaza de dezaoito anos que vive ao redor da música dende que é pequena. Actualmente atópase cursando o grao de Comunicación Audiovisual que oferta a USC, mais asegura que “nun futuro gustaríalle conciliar laboralmente esta faceta coa música” xa que “no mundo artístico non existen compartimentos estanco”.

“A música é unha linguaxe que me acompaña dende cativa” asegura a artista. De feito, a pesar da súa curta idade, a salvaterrense xa tivo contacto co mundo da música en moitas ocasións.

Amnesia‘ foi a súa primeira banda musical, creada xunto a un grupo de amigos da comarca donde o fin principal era a diversión e compartir unha afección común. “Ese foi o meu primeiro contacto co directo, cos seus pros e contras” conta Iris. Tamén participou noutro grupo xa extinto chamado ‘Inefables‘.

A día de hoxe, a pianista forma parte do proxecto “La MMarca” do trompetista Manuel Madarnás e acompaña ao músico tocando o piano na súa xira por Galicia.

Ademais, a música non é a única faceta artística de Iris Abril, pois tamén desfruta da escritura e do teatro.

A moza forma parte do grupo de teatro da súa vila ‘Dramiño‘ e vén de participar na 36 Edición do Festival da Poesía do Condado con composicións de compromiso social co pobo palestino. Ademais, este ano 2024 acadou o 2º premio da modalidade de poesía dos Premios Minerva e o 1º premio do concurso de poesía Francisco Añón.

En definitiva, unha curta vida adicada a moitas disciplinas artísticas e que a partir de hoxe ás 22:30h a audiencia poderá desfrutar en todo o territorio nacional.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS