Os traballadores e traballadoras do Concello de Ourense responden ás criticas que vén de lanzar o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, diante do anuncio de dous días de folga e acusan ao rexedor de ser o “único responsable” deste paro.
Tras a Xunta de Persoal celebrada no Edificio Sindical e coa presenza de máis dun centenar de persoas, os traballaodres e as traballadoras chegaron a un acordo co que se convocan dous días de folga, coincidindo cos días 31 de outubro e 4 de novembro.
Neste sentido, o presidente da Xunta de Persoal, Javier Nóvoa, recalca que “todo o que funciona no concello de Ourense é grazas á solvencia do persoal e, a pesar de Jácome”. Ademais, insiste en que a “única mala fe que existe é por parte do alcalde”.
Refírese Nóvoa ás declaracións do rexedor da cidade das burgas nas que aludía “á mala fé e a picaresca dos traballadores” ao convocar estes dous días de paro no Concello.
Maltrato e insultos
Así, o presidente recalca que “as e os traballadores estivemos calados moito tempo, aguantando maltrato e insultos constantes de Jácome, intentando tapar a súa incapacidade de xestión” pero asegura que “xa está ben”.
En resposta ás declaracións do alcalde, Javier Nóvoa manifesta que é “o colmo da manipulación, se lle parece facemos a folga cando ao señorito lle pareza ben“.

