A Comisión de Seguimento da N-550 levou a cabo a concentración con corte da circulación convocada no cruce co Camiño da Quiringosta para reclamar actuacións urxentes que melloren a seguridade nesta estrada estatal ao seu paso por Mos.
A concentración contou cun amplo respaldo institucional e social, coa participación de representantes de todos os grupos políticos con representación na Corporación municipal, ademais de membros da Comisión de Seguimento da N-550, colectivos veciñais, asociacións e veciñanza, que volveron a reclamar actuacións urxentes que melloren a seguridade nesta estrada estatal. A concentración celebrouse no punto onde, hai apenas uns días, unha peregrina resultou atropelada mentres cruzaba a N-550, un novo accidente que motivou esta mobilización.
A protesta chega trala reunión da Mesa do Camiño, na que participaron representantes do Xacobeo 2027, da Deputación de Pontevedra, do Concello de Mos e das entidades vinculadas ao Camiño Portugués. Durante o encontro abordáronse distintas alternativas para reforzar a seguridade na N-550, entre elas o estudo dun paso elevado ou inferior para os peregrinos, a solicitude da consideración de travesía urbana para determinados treitos da estrada ou a solicitude da instalación dun radar fixo limitado a 50 km/h nun dos puntos de maior risco. Tanto a Xunta como a Deputación trasladaron o seu apoio para seguir avanzando nestas propostas e recolleron a petición da alcaldesa de que exerzan como mediadores ante o Ministerio, así como a de colaborar na procura de solucións que permitan mellorar a seguridade viaria.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, agradeceu a resposta da veciñanza e dos colectivos que participaron na mobilización e asegurou que “hoxe Mos deu unha nova mostra de unidade para defender unha causa que nos afecta a todos. Pero tamén quero deixar claro que esta non será a última mobilización. Mentres non haxa compromisos firmes e actuacións reais por parte da Administración do Estado, seguiremos convocando cantas accións sexan necesarias. O que está en xogo é a seguridade dos nosos veciños, dos peregrinos e de todas as persoas que utilizan esta estrada”.
“O que estamos esixindo é unha travesía urbana. Esta estrada xa non funciona como unha estrada convencional. Aquí conviven todos os días veciños de Mos e do Porriño, peregrinos, persoas que van aos comercios, aos seus traballos ou aos servizos da zona. A realidade da N-550 cambiou e a estrada ten que adaptarse a esa realidade.”

