HomeNewsActualidadeO TSXG ratifica a condena ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome,...

O TSXG ratifica a condena ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, por acoso moral a unha funcionaria

O alto tribunal galego rexeita os recursos e obriga ao rexedor e ao Concello a indemnizar con case 49.000 euros a que fora xefa de Comercio, de baixa dende 2023 por un trastorno de ensiedade

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a condena imposta ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e ao propio Concello por vulnerar a normativa de prevención de riscos e causar un grave dano moral a unha funcionaria municipal. A sala do social do alto tribunal desestimou un por un os 31 motivos expostos nos recursos presentados pola defensa, avalando o ditame que obriga a indemnizar conxuntamente á afectada con 48.685 euros, dos cales 30.000 corresponden a danos morais e 18.685 á compensación por incapacidade temporal.

A sentenza considera probado que Stella González, que exerceu como xefa do negociado de Comercio dende 2015 ata o seu cese en 2023, sufriu unha situación de acoso laboral despois de que Jácome asumise a alcaldía e tras concorrir nas listas electorais do PP. Tal e como recolle a resolución a partir de testemuñas de compañeiros, o rexidor dirixíase a ela con cualificativos despectivos como “inútil”, “inepta” ou “subnormal”, ademais de ordenar expresamente aos seus achegados que a ningunearan cun “a esta, nin puto caso”, apartándoa de ferias que debía representar e encargando os seus informes a outras persoas.

Baixa médica e antecedentes no Concello

A gravidade da situación levou á traballadora a solicitar a baixa laboral en 2023 por un trastorno adaptativo con síntomas de ensiedade secundarios a esta presión, sendo derivada á unidade de psiquiatría. A resolución xudicial tamén incide en que o expediente aberto no seu día polo Concello tras a denuncia da funcionaria arquivouse en menos dun mes sen aplicar ningunha medida correctora. Agora, o fallo ordena o cese inmediato de calquera actividade que supoña unha infracción das normas preventivas e prexudique a saúde da demandante.

Este non é un caso illado na xestión do persoal municipal en Ourense. O TSXG e o Tribunal Supremo xa avalaron anteriormente outras situacións similares de acoso laboral no seo do consistorio, como o sufrido pola que fora xefa da Policía Local ou polo interventor municipal, cuxas indemnizacións e resolucións evidencian reiteradas vulneracións dos dereitos laborais dos empregados públicos na capital ourensana. Contra esta nova sentenza aínda cabe interpoñer recurso en casación.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS