HomeNewsActualidadeArbo celebra a XXXI Festa da Lamprea Seca con visitas guiadas gratuítas...

Arbo celebra a XXXI Festa da Lamprea Seca con visitas guiadas gratuítas ao Museo Arabo

O Concello de Arbo prepárase para vivir unha das súas citas máis agardadas, a XXXI Festa da Lamprea Seca. O evento terá lugar os días 7, 8 e 9 de agosto na Carballeira da Turbela; onde se renderá homenaxe á lamprea e aos viños locais.

Durante tres días, veciños e visitantes poderán desfrutar dunha intensa programación cargada de actividades deportivas, culturais e musicais, na que se poderá degustar a lamprea nas súas diferentes receitas tradicionais e acompañada polos viños das bodegas de Arbo.

Dentro do marco de actividades organizadas polo Concello, destaca o programa de Especial de Visitas Guiadas ao Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea “Arabo”, que estrea unha renovación nos seus contidos.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, quixo poñer en valor a importancia destas instalacións de cara á promoción turística do municipio, destacando que “o Centro de Interpretación é un espazo que actúa como venta ao mundo e proxecta as nosas principais señas de identidade: a lamprea, o viño e a Festa da Lamprea”.

Así, o museo abre de novo as súas portas cunha proposta totalmente modernizada e adaptada a todos os públicos, onde entre as principais novidades se encontran os novos contidos audiovisuais, con proxectores que recollen o ciclo vital da lamprea; un percorrido por todos os recursos turísticos do municipio e un vídeo adicado á historia da Festa da Lamprea, entre outros.

Para facilitar a asistencia dos visitantes durante a fin de semana festiva, establecéronse os seguintes turnos de visita gratuita, organizados o venres 7 e sábado 8 ás 11:30 e 13:00h pola mañá, e ás 16:30h e 18:00h pola tarde; mentres que o domingo tan só haberá as visitas do horario da mañá.

As prazas son limitadas e as persoas interesadas poden realizar a súa reserva a través do correo electrónico museoarabo@concellodearbo.gal ou chamando ao teléfono 986 665 778.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS