O Concello de Mos continúa avanzando na mellora das infraestruturas hidráulicas do municipio coa mobilización de 280.000 euros para executar dous novos proxectos de saneamento na parroquia de Louredo: o da Torroeira e o de Costa Redonda.
No caso da Torroeira, o convenio de colaboración con Augas de Galicia xa está asinado e as obras atópanse xa licitadas, polo que o seu inicio será inminente. Esta actuación supón un investimento total de 125.000 euros.
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura do convenio con Augas de Galicia para executar o saneamento de Costa Redonda, cun investimento de 155.000 euros, paso previo ao inicio da súa tramitación. Ámbalas dúas actuacións permitirán dotar de rede de saneamento a unhas 20 vivendas en cada un dos ámbitos, mellorando a calidade de vida da veciñanza e avanzando na ampliación da rede municipal.
Con este investimento de 280.000 euros, o Concello de Mos e Augas de Galicia continúan reforzando a súa colaboración para estender as infraestruturas de saneamento ás distintas parroquias do municipio e dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “estas actuacións responden ao compromiso do Goberno municipal de seguir estendendo os servizos básicos a todos os núcleos de poboación do municipio. O saneamento é unha infraestrutura esencial que mellora a calidade de vida dos veciños e contribúe á protección do medio ambiente”.
A rexedora tamén puxo en valor a colaboración entre administracións para facer posibles estes investimentos: “A cooperación con Augas de Galicia permítenos continuar executando proxectos moi demandados pola veciñanza e seguir avanzando na modernización das infraestruturas municipais. Seguiremos traballando para que todos os barrios de Mos conten cos servizos que merecen”

