O Pazo de Mos volveu converterse este domingo nun punto de encontro para as familias coa celebración da décima edición de Canto Conto, unha xornada que reuniu a milleiros de persoas chegadas tanto de Mos como doutros concellos da contorna para gozar dunha completa programación de música, espectáculos e actividades ao aire libre.
Desde primeira hora da mañá e ata o remate da tarde, o recinto mantivo unha gran afluencia de público que participou nas distintas propostas organizadas con motivo desta edición tan especial. Os concertos de Pakolas e as Tripulantes, Brais das Hortas e Arigato congregaron a centos de familias, mentres que actividades como o scaperoom colectivo, as malabaridades, a animación de rúa do Grupo Xiada, os obradoiros, os xogos populares e os inchables mantiveron unha intensa actividade durante toda a xornada.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, mostrou a súa satisfacción polo éxito da convocatoria e destacou que “Canto Conto é xa moito máis que un festival. É un día de convivencia, de encontro e de goce en familia que forma parte da identidade da nosa Festa da Rosa”. “Ver o Pazo de Mos cheo de vida, de nenos e nenas xogando e de familias compartindo experiencias é a mellor demostración de que este proxecto está plenamente consolidado”, engade. Nidia Arévalo tamén agradeceu o traballo de todas as persoas, colectivos e entidades que colaboraron na organización desta décima edición, así como a participación do público, que volveu responder de maneira masiva a unha proposta que ano tras ano segue medrando.

