HomeNewsActualidadeConde-Pumpido sinala as cinco grandes eivas que frean a xustiza en España

Conde-Pumpido sinala as cinco grandes eivas que frean a xustiza en España

O presidente do Tribunal Constitucional abriu en Sarria as XIX Xornadas Xurídicas advertindo que a independencia dos xuíces debe ser "recoñecible" pola cidadanía

O presidente do Tribunal Constitucional, Cándido Conde-Pumpido, participou este mércores na inauguración das XIX Xornadas Xurídicas Román García Varela, que se celebran en Sarria. Durante a súa intervención, o maxistrado debullou as “cinco tensións moi intensas” que, ao seu xuízo, lastran actualmente o sistema xudicial: o tempo, a complexidade, a confianza, a accesibilidade e a lexitimidade.

Para Conde-Pumpido, o atraso estrutural na xustiza é un “problema constitucional” ao afectar o exercicio dos dereitos, xa que “unha xustiza demorada non é xustiza”. O maxistrado defendeu que o sistema debe evolucionar para ser máis independente, eficaz, comprensible e próximo á realidade social, sen deixar de lado a protección dos dereitos fundamentais.

A confianza como alicerce

Conde-Pumpido fixo especial fincapé na independencia xudicial, cualificándoa como un “orzamento irrenunciable” do Estado de Dereito que debe ser recoñecido polo conxunto da sociedade. Segundo o presidente do Tribunal Constitucional, a confianza gañase mediante resolucións motivadas, respecto ao pluralismo interno e unha cultura institucional que protexa aos maxistrados de calquera instrumentalización política ou mediática.

Pola súa banda, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Ignacio Picatoste, apelou á “prudencia e garantías” á hora de incorporar novas tecnoloxías á xustiza, un ámbito no que situou a Galicia como “referente” na formación de xuíces.

O investimento da Xunta en infraestruturas

No marco das xornadas, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reivindicou o modelo institucional galego como “previsíbel, ordenado e respectuoso cos procedementos”. Rueda aproveitou o foro para destacar o esforzo autonómico en materia de recursos, sinalando que entre 2009 e 2027 o Goberno galego terá investido 172 millóns de euros en melloras de sedes xudiciais e infraestruturas.

A este investimento súmanse as partidas dedicadas á dixitalización, cun total de 43 millóns de euros entre 2020 e 2025 mediante o ‘Plan Senda’, aos que se engadirán outros 24 millóns ata o ano 2028 para continuar a modernización do sistema.

Pola súa parte, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, subliñou o compromiso da Xunta cunha xustiza “eficaz, moderna e centrada nas persoas”, aínda que aproveitou para criticar a “falta de apoio económico estatal” ante os novos retos normativos. O acto de inauguración en Sarria contou tamén coa presenza de autoridades como o alcalde sarrián, Claudio Garrido, e a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS