HomeNewsActualidadeA CIUG descarta repetir o exame de Debuxo Técnico e promete correccións...

A CIUG descarta repetir o exame de Debuxo Técnico e promete correccións “extraordinarias”

O presidente do organismo, Iván Area, defende a xestión da selectividade galega e revela que a Xunta non atendeu a súa proposta de revisar os exames por duplicado en 2024

A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) non repetirá o exame de Debuxo Técnico a pesar dos erros detectados nos enunciados. O seu presidente, Iván Area, confirmou este xoves en rolda de prensa en Santiago que, para compensar as incidencias, os correctores aplicarán “criterios extraordinarios de avaliación”. O obxectivo, segundo subliñou, é garantir que ningún estudante se vexa prexudicado polo fallo humano na redacción da proba.

Iván Area detallou que as incidencias en Debuxo Técnico foron sinaladas entre as 18:19 e as 18:30 horas, momento no que se ordenou ampliar en media hora o tempo dispoñible para completar o exercicio. O presidente defendeu que, fóra de casos puntuais como este ou o de Historia de España —que cualificou como un “erro de interpretación” das directrices—, a “práctica totalidade dos exames foron impecables”.

Proposta bloqueada pola Xunta

Un dos puntos de maior interese nas declaracións de Area foi a mención á seguridade e supervisión das probas. O presidente da CIUG revelou que, en 2024, propuxeron á Xunta modificar a normativa para que dous profesionais revisasen cada exame antes da súa entrega, pero lamentou que o Goberno galego non respondeu a esta solicitude.

Actualmente, o proceso conta cun sorteo para elixir o modelo definitivo, que despois é revisado por unha única persoa antes da súa impresión polo tribunal único. Esta metodoloxía de traballo, segundo explicou Area, foi deseñada para manter unha “confidencialidade absoluta” e evitar filtracións como as que, en 1992, obrigaron a repetir as probas de acceso á universidade en Galicia.

Flexibilidade en Historia de España

Ademais de Debuxo Técnico, a CIUG tamén se comprometeu a traballar para que o alumnado que se examinou de Historia de España non saia prexudicado por un fallo de plantexamento na proba. Sobre outras materias que tamén foron obxecto de críticas, como o caso de Física, o presidente da comisión aclarou que as queixas recibidas resultaron ser “infundadas” tras realizar as comprobacións pertinentes.

Respecto ás esixencias de explicacións por parte do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, Iván Area preferiu manterse ao marxe e non valorar as declaracións políticas, optando por centrarse nos aspectos técnicos e obxectivos da organización das probas.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS