Un grave accidente laboral produciuse este martes no municipio ourensán de Leiro, concretamente na localidade de Lamas. Segundo informou o 112 Galicia, un traballador sufriu a amputación dunha man mentres manipulaba unha cadea nunha planta de xestión de residuos orgánicos.
O aviso de emerxencia recibiuse pouco antes das cinco da tarde. Ante a gravidade das lesións, o servizo de urxencias sanitarias do 061 mobilizou de inmediato o helicóptero H4 con base en Ourense para efectuar o traslado do ferido ao centro hospitalario da cidade.
Ata o lugar do suceso tamén se desprazaron membros do GES de Avión e axentes da Garda Civil para colaborar nas tarefas de auxilio e atención ao traballador.
Esforzos pola reimplantación
No operativo de emerxencia logrouse recuperar a man amputada. Esta foi trasladada posteriormente nunha ambulancia ata o mesmo hospital ourensán, co obxectivo de que o equipo de cirurxía poidese valorar a posibilidade de reimplantar a extremidade.

