HomeNewsActualidadeO PPdeG esixe ao Goberno central transparencia sobre a sociedade estatal 'Casa...

O PPdeG esixe ao Goberno central transparencia sobre a sociedade estatal ‘Casa 47’

Os populares levan ao Parlamento a súa preocupación pola falta de información sobre este proxecto de vivenda e reclaman que se blinde a defensa do litoral galego en Bruxelas

O Grupo Popular no Parlamento de Galicia intensifica a súa presión sobre o Executivo de Pedro Sánchez. O portavoz do PPdeG, Alberto Pazos, denunciou este martes a opacidade que rodea o programa ‘Casa 47’, unha sociedade pública estatal sobre a que, segundo afirmou, “non se sabe nada” a día de hoxe.

A través dunha proposición non de lei, os populares esixen que o Goberno central detalle os solos afectados en Galicia, a localización e número de vivendas proxectadas, así como os criterios de adxudicación e xestión. Pazos criticou que o Executivo estatal priorice a “propaganda” fronte aos feitos en materia de vivenda e reclamou garantías para que os prezos sexan realmente accesibles e se manteña a cualificación permanente de protección.

Defensa do litoral ante Europa

Outro dos eixes da actividade parlamentaria do PPdeG será a defensa do litoral galego ante a reforma do Regulamento xeral de costas que pretende o Goberno central. O PPdeG levará ao pleno unha iniciativa para trasladar á Comisión Europea a “especificidade” da costa galega, ante o que Pazos cualificou como unha falta de diálogo, consenso e seguridade xurídica por parte do Estado.

Neste sentido, os populares reclaman:

  • A suspensión cautelar da tramitación do anteproxecto.
  • A paralización das actuacións que afecten aos dereitos de concesión e propiedade.
  • A convocatoria dunha conferencia sectorial que conte coas alegacións da Xunta, confrarías e sectores empresariais.

Novas iniciativas sobre sanidade e a AP-9

A axenda do Grupo Popular tamén inclúe preguntas de carácter urxente sobre o impacto na sanidade pública galega do novo Real decreto-lei de copago farmacéutico, aprobado, segundo Pazos, de xeito “precipitado e unilateral”.

Ademais, ante o principio de acordo acadado no Congreso para a transferencia da AP-9 entre BNG, PSOE e SUMAR, os populares esixen que se “respecte” o pacto alcanzado por unanimidade no Parlamento de Galicia e lamentan que non se lles trasladase o texto final. Finalmente, a conselleira do Mar comparecerá na Cámara galega para informar sobre as medidas destinadas á recuperación dos bancos marisqueiros.

Escoita aquí as declaracións do Portavoz:

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS