O pequeno comercio galego prepárase para unha nova inxección de dinamismo. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou este luns a posta en marcha da primeira edición de 2026 dos bonos ‘Activa Comercio’, unha iniciativa que busca incentivar as vendas no sector de proximidade. Con un orzamento inicial de 2,5 millóns de euros, o Goberno galego estima que a medida xerará arredor de 8,5 millóns de euros en facturación para os establecementos adheridos.
A partir deste mércores, 27 de maio, ás 09.00 horas, os cidadáns poderán descargar o seu bono na web oficial bonosactivacomercio.gal. Como novidade destacada, a Xunta introducirá un sorteo nas súas redes sociais para os usuarios, que poderán optar a catro premios de 250 euros para gastar nos negocios participantes.
Cómo funcionan os descontos
Cada persoa poderá descargar un único bono dixital en formato QR. O aforro máximo por beneficiario chega aos 30 euros, cun tope de 15 euros por cada compra realizada. O desconto aplicarase de xeito progresivo segundo o importe do gasto:
- Compras de 20 a 30 euros: 5 euros de desconto.
- Compras de 30 a 50 euros: 10 euros de desconto.
- Compras superiores a 50 euros: 15 euros de desconto.
Simplificación para os comercios
A esta edición súmanse xa 4.470 establecementos en toda a comunidade. Seguindo a liña de simplificación administrativa iniciada o ano pasado, os negocios non teñen que volver a inscribirse, xa que a súa adhesión é válida para todas as convocatorias de 2026. Aqueles que aínda non estean dados de alta, poderán facelo mentres haxa crédito dispoñible.
Desde o Executivo autonómico sinalan que o éxito desta medida, que xa xerou máis de 122 millóns de euros en vendas desde 2021, garante a súa continuidade. O crédito total da campaña, con todo, ten límite: unha vez esgotados os 2,5 millóns de fondos asignados, os bonos deixarán de estar operativos aínda que non se chegaran a consumir todos os seus créditos.
Toda a información para adquirir o bono Activa Comercio aquí: https://bonosactivacomercio.gal/es/

