A Garda Civil abriu unha investigación formal contra unha muller na Guarda por un presunto delito de tráfico de drogas. Os feitos ocorreron o pasado 3 de maio, cando unha patrulla detectou un vehículo mal aparcado que obstaculizaba o tráfico. O turismo pertencía a un home con antecedentes na vila que alegou non ter as chaves , mentres unha decena de persoas toxicómanas amosaban unha actitude nerviosa e alterada ante os axentes.
Ao inspeccionar o coche desde fóra, os gardas viron unha mochila negra aberta cunha pistola no seu interior , polo que solicitaron o apoio de reforzos desde o Posto Principal de Ponteareas.
Sorprendida ao tentar desfacerse da mercancía
Mentres as dúas patrullas se coordinaban, unha muller con antecedentes policiais acudiu ao lugar correndo, entrou no coche e guindou ao chan unha bolsa de plástico branco. Os axentes comprobaron que o paquete contiña uns 10 gramos de suposta cocaína.
A implicada recoñeceu que a mochila coa arma era da súa propiedade. Tras o rexistro do obxecto, o instituto armado incautou o seguinte material:
- Unha pistola de fogueo utilizada de xeito simulado para intimidar.
- 745 euros en metálico en billetes de 50, 20, 10 e 5 euros.
- 16 pastillas de metadona de 6 miligramos.
A muller foi notificada como investigada por tráfico de drogas e denunciada por infracción da Lei de Seguridade Cidadá debido á tenenza da arma simulada. As dilixencias xa foron enviadas ao Tribunal de Instancia de Tui.

