Mércores, Maio 6, 2026
HomeNewsActualidade"Somos nós": A peza audiovisual de Rubén Riós que dá o pistoletazo...

“Somos nós”: A peza audiovisual de Rubén Riós que dá o pistoletazo de saída á Sementeira e Música

A Organización Cultural Quinta do Piñeiro volve apostar pola emoción e a identidade na promoción da súa festa máis emblemática, nesta ocasión a través do sétimo arte. A Festa da Sementeira e Música celebra este ano unha edición moi especial, marcada pola súa maioría de idade.

“Somos nós” é unha peza audiovisual “con moita retranca” que pretende homenaxear a todas as persoas que traballaron e seguen traballando por esta gran xuntanza. Nesta ocasión, os protagonistas son membros da propia asociación: Marcos Estévez, Vanesa Estévez, Francisco Sousa, Jennifer Gómez, Francisco Iglesias, Cristina Álvarez, Rubén Barbeito e Janira Núñez, que se poñen diante da cámara para representar unha xuntanza tradicional.

O audiovisual está protagonizado por Xosé Portas (xerente da empresa de cárnicas DISCARLUX e natural da parroquia de Meder), nun xesto que reforza o seu vínculo coa terra e o compromiso co tecido cultural da zona. A súa implicación supón, ademais, un apoio simbólico ao labor que a asociación leva desenvolvendo ao longo dos anos.

A peza, dirixida polo director Rubén Riós, foi gravada durante a pasada edición do festival en diferentes espazos da contorna, convertendo o territorio nun elemento narrativo máis. Baixo a súa dirección, recreáronse situacións tradicionais que conectan coa memoria colectiva e coas raíces culturais de Galicia.

Desde a organización quixeron tamén destacar o papel fundamental de Josefa e Felipe, veciños da zona, que cederon a súa vivenda para a rodaxe e participaron activamente nalgunhas escenas.

Con esta nova proposta audiovisual, a Festa da Sementeira reafirma “a súa identidade como un evento que vai máis alá da música e da celebración, converténdose nun espazo de encontro, memoria e reivindicación da cultura popular galega a través da creatividade”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS