Luns, Febreiro 9, 2026
HomeComarcasBaixo MiñoO Novás continúa o seu periplo impoluto

O Novás continúa o seu periplo impoluto

Os rosaleiros venceron ao Xiria e manteñen a súa condición de invictos na categoría

O Valinox Atlético Novás tiña este sábado unha nova cita no Javi Díaz fronte a súa xente. Debían medirse fronte a fronte co Calvo Xiria carballés, cuarto clasificado no Grupo A na Primeira Nacional, que chegaba coa expectativa de dar a sorpresa e recortar puntos cos cabeiros da táboa. Unha disputa entre conxuntos galegos que xa na previa anticipaba ser competida.

Ao longo dos tres primeiros períodos os carballeses ameazaron con deter o camiño perfecto do Novás. Presentaron un notable nivel, con lixeiras diferenzas e intercambios de vantaxes ata o descanso. Chegaron incluso a firmar un parcial que os deixaría tres puntos por riba (18-21) a falta de quince minutos do final. Mais os locais, no cuarto de hora definitivo, acabarían devolvendo os golpes.

Aupados por un estelar Diego Prada (15 anotacións nesa tarde, a unha da súa marca persoal) e as aportacións de Xurxo Rivas (5) e Martín Davila (4) os adestrados polo asturiano Guillermo Artime foron quen de reaccionar, adiantarse e incluso darlle a volta a esa vantaxe de tres puntos do Xiria. Ao remate, o marcador dictou un 30-27 a favor dos rosaleiros.

Un trunfo traballado que permite ao Novás continuar co seu camiño perfecto. Un paso máis preto de acadar o obxectivo de regresar á segunda categoría do balonmán nacional. En vinte xornadas os do Baixo Miño suman vinte victorias e a falta de dez xornadas para o remate da competición semella difícil que poidan perder esa condición de líderes. Con oito puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o Lanzarote Ciudad de Arrecife, e cos mellores rexistros ofensivos e defensivos de todo o grupo.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS