Mecalia Atlético Guardés e Conservas Orbe Zendal Porriño afrontaban onte o reto de clasificar á Fase Final da Copa da Raíña de balonmán. Dous encontros nos que ambas agrupacións galegas partían coma favoritas e estaban chamadas a superar a rolda do torneo.
O Porriño viaxaba a terras castelás para xogar fronte o Caja Rural Aula Valladolid. As louriñesas viviron unha eliminatoria igualada e disputada no Pabellón Huerta del Rey. Nun inicio lograron facerse fortes e chegaron a soster unha vantaxe de catro tantos (14-18) mais nun final frenético e desafortunado deixáronse ir.
Ao remate, tras un parcial de 5-1, as locais acabarían por dar a sorpresa (22-24) e agrandar a ferida das adestradas por Isma Martínez, que están a acusar nos seus últimos partidos o oco deixado polas saídas de Paulina Buforn e Aitana Santomé no derradeiro día do mercado.
O Guardés, pola súa banda, visitaba Sagunto para enfrontarse ao Balonmán Morvedre, penúltimo clasificado na Liga Guerreras Iberdrola. Do mesmo xeito ca o Porriño, non tiveron unha noite doada. O Morvedre amosou seguridade defensiva e foi resolutivo nos ataques, conseguindo manter ás miñotas por debaixo durante os primeiros tres períodos da eliminatoria.
Non foi ata os derradeiros quince minutos de partido que as de Ana Seabra melloraron as prestacións e conseguiron impor o seu ritmo e capacidade ofensiva no marcador. Ao remate, o marcador ditou un 25-27 a favor das galegas.
Xunto a Guardés e Valladolid, acceden á seguinte rolda da Copa do Rei Sporting La Rioja, Granollers, Elda e Rocasa Gran Canaria, ademais do Bera Bera e Beti Onak, xa clasificados grazas aos seus méritos como finalistas da anterior edición do torneo. A Fase Final reunirá a estes oito equipos do 8 ao 10 de maio. A sede escollida, Illumbe, San Sebastián, vivirá nesas datas os cuartos de final, semifinais e a final do torneo.

