Espectáculo deportivo de primeiro nivel nas augas do río Miño en Tui este sábado coa celebración da 45ª Regata Miño Internacional, a única regata cronometrada de embarcacións 8+ de remo que nestes momentos se celebra a nivel nacional. A proba é tamén a XXI Copa Presidencia da Deputación de Pontevedra.
Esta competición cunha longa traxectoria abre o calendario deportivo tudense en 2026 e forma parte do calendario da Federación Internacional de Remo.
En total, participarán 12 clubs nacionais: Remo San Felipe, Madrid Velocidad, Ría de Marín, Remo Vigo, Mar de Noia, Náutico de Sevilla, Remo Coruxo, Cabo de Cruz, Chapela, Tirán, Remo Tui e Remo do Miño.
Tamén están inscritos 12 clubs portugueses: Remo Cerveira, Remo Gondomar, Fluvial Vilacondense, Sporting Club Caminhense, Colectividade Popular de Cacia, Fluvial Portuense, Sport Club do Porto, Viana Remadores do Lima, Associação Desportiva Naval Remo, Associação Naval de Lisboa, Associação Académica de Coimbra e Club Naval Infante D. Henrique.
O evento dará comezo ás 11:50 h en Amorín coas saídas, que serán por tandas cronometradas cada cinco minutos. A liña de meta, tras un percorrido de 6 km, situarase fronte ás gradas da rúa Olímpicos Tudenses en Tui. A entrega de premios está prevista
para as 13:00 h.

